Dos traidores aos de sempre

Xosé M. Rodríguez ANACOS

OURENSE CIUDAD

20 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Roma non paga traidores, lembrou un membro da corporación de Ourense cando foi preguntado pola decisión de Araújo de deixar o PP para camiñar polo paseo da fama da disciplina laranxa. Outros querían, e de certo que tirarían a carauta para rematar onde sempre deberon estar, mais quedaron desautorizados polas súas propias palabras. E rematarán por converterse niso que tan de moda está: serán emprendedores do seu propio espazo político.

O concepto dos traidores na política alóngase tanto como queira cada quen. No Carballiño noméanse por tales as dúas seccións socialistas. E así oficialistas e pachistas saúdanse de tal maneira. E ata hai a quen recoñecen ao xeito guerreiro os seus, como se viñera da guerra das Galias.

Desta volta as municipais chegan de entroido. O alcalde de San Xoán de Río pásase do PSOE ao PP coa fachenda máis portentosa. E aí segue, como se non pasase nada. Na parte contraria, os socialistas levarán de candidato en Maceda a un exalcalde que vai acabar coleccionando máis siglas que maridos tivo unha famosa actriz de ollos púrpura.

Iso si, a mellor macedonia é -polo de agora- a de Democracia Ourensana en Castrelo de Miño. Tres de aquí, outro de alí, aquel da outra banda e este que pasaba pola beira... e así vai rematar DO cunha lista na que traballarán a xeito e por unha causa común antigos candidatos do BNG, PSOE, PP e Independientes por Castrelo de Miño. Un cóctel variado para ripar o goberno aos nacionalistas.

A marca é das chamadas a facer historia. Haberá quen a supere?