Ourense is not Galiza

Xosé M. Rodríguez ANACOS

OURENSE CIUDAD

El primer AVE comercial a su llegada a Ourense, el pasado 21 de diciembre
El primer AVE comercial a su llegada a Ourense, el pasado 21 de diciembre PABLO ARAUJO

02 jul 2022 . Actualizado a las 06:48 h.

Vou de Paula Prado. Toda a miña solidariedade con esa muller estigmatizada polo pasado escuro dos gobernos de Conde Roa en Compostela e as súas lerias. A musa dos conservadores —unha musa de conservadores e unha musa en conserva? Teño dúbidas!— pasou a travesía do deserto polo paseo da Ferradura, para rematar recuperando protagonismo no Parlamento e no partido liderado por Feijoo.

Nesa campaña na que están metidos os do seu partido o obxectivo está claro e a estratexia tamén: todo o malo que pasa desta beira é culpa do Goberno e todo o «máis mellor» é herdanza do dos Peares, ese rapaz que «surxindo da nada conseguiu acadar as máis altas cimas da miseria», parafraseando a Marx —Groucho—.

A trangallada estaba a xeito e o obxectivo tamén: montas no tren a Ourense acompañada polo «aparato» do partido, saes da estación e largas o que xa falamos para conseguir o titular, que é o que nos interesa. Todo estaba ok, pero a Paula Prado traizoouna o subconsciente e o atavismo agochado no seu partido puido máis que a razón. E ciscouno todo: o AVE non chega a Galicia e a culpa é do Goberno central.

Non errou ao facerse un separata —Galiza non é Espanha, Galiza is not Spain— porque, para os seus, Ourense non é outra cousa que un espazo sen interese ao que de cando en vez hai que baixar para prometer algo e que estean calados. Pero sen moito aquel, para que non se veñan arriba.

Ten razón Paula Prado. Ourense non é Galiza.