Os papeis de Xehová

OURENSE CIUDAD

MARCOS MÍGUEZ

18 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Veño de saber que hai unha asociación de vítimas de testemuñas de Xehová pola sentenza dun xulgado de Madrid que ratifica a liberdade de expresión desas persoas para criticaren duramente esta organización relixiosa cuxos membros sempre vin coma seres pacíficos con devoción pola prédica, cun aire de seita benévola.

E esta miña percepción, se cadra, procede da miña infancia, cando ía á aldea dos avós onde a literatura que alí había era a dos periódicos atrasados que lles levaba o meu pai e eles lían ao pé do lume cando tiñan vagar, sobre todo no inverno, e tamén as revistas La Atalaya, que unha sobriña lle traía de Ourense só á miña avoa, porque o meu avó renegaba de calquera relixión. Con todo, coido que eu era o único que, sen saber a que respondían aquelas mensaxes bíblicas impresas, abría as revistas con certa inocencia para practicar a lectura, e a miña avoa axiña mas apañaba para botalas ao lume, coma se estivese a ler pornografía.

Co paso dos anos, cando os avós xa foran vivir á vila cos meus pais, esa sobriña tan educada e doce, que seguía a atopar inspiración e consolo na súa fe, deixaba as revistas coa esperanza de que alguén na familia as lese e se convertese á súa relixión. Na nosa familia non atopou un só adepto, e tampouco na súa propia, porque o marido coido que a abandonou e a filla fuxiu por mor desa obsesión.

Hai moito que non sei dela. Ignoro se aínda vive porque xa debe de ser maior. Pero non esquezo a melopea da súa voz, a paciencia coa que aceptaba as réplicas ás súas profecías e a negativa ás transfusións de sangue. Gustaríame dicirlle que aquelas revistas, a min, polo menos, servíanme para practicar a lectura e aos meus avós para avivaren o lume do inverno.