David Rodríguez, organizador da gala contra o cáncer: «Andrés Suárez chega a Ourense da súa xira en México»
OURENSE CIUDAD
Preside a asociación cultural Canellas, que promove o festival do sábado 29
15 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Un ano máis a asociación cultural Canellas organiza a gala contra o cancro en Ourense, un festival benéfico que recauda fondos para a entidade que axuda aos pacientes de cáncer e ás súas familias. Anda enleado en que todo saia ben David Rodríguez, o presidente de Canellas, que espera que a décima edición sexa todo un éxito. A cita será o sábado 29 ás 20.30 horas no Auditorio da cidade. Di que ingredientes non lle faltan.
—Andrés Suárez cabeza de cartel. Traen un programa forte.
—Si. Nesta décima gala apostamos por un artista coñecido a nivel nacional, para ir medrando. Está soando en todas as radios. Andrés Suárez chega a Ourense da súa xira en México, por onde está agora.
—Custou traelo?
—Non foi fácil. O problema que teñen moitos artistas son as datas. Queren colaborar porque esta é unha causa solidaria, pero en novembro e decembro moitos están de xira por Sudamérica. De feito neste caso foi posible porque chega uns días antes.
—Quen máis pasará polo escenario do auditorio?
—Abrirá a Real Banda de Gaitas e despois estará o grupo de baile Castro Floxo. Xa estiveron na primeira edición e aínda que non acostumamos repetir grupos, criamos que este tiña que estar. É moi especial para min. Tamén actuarán o novo grupo de danzas do mundo Dantzari, a humorista Marta Doviro e Daniela González, que estivo en La Voz Kids. Gústanos apostar por artistas da cidade. E presentando contamos con Lucía Rodríguez, que é da casa, de Castro Caldelas, e Fátima Pego.
—Que prezo teñen as entradas e onde poden conseguirse?
—As entradas custan 10 euros por persoa e poden conseguirse en ataquilla.es. Hai unhas poucas dispoñibles na sede da asociación española contra el cáncer para a xente que non se manexa con internet, pero o resto están na web.
—O Auditorio ten un aforo grande, é unha cita ambiciosa.
—Son 900 entradas e queremos encher. Confiamos en que así sexa porque é para unha boa causa, porque todos os cartos van para a AECC, para axudar ás familias e aos pacientes. Ademais hai fila cero para os que non poidan asistir pero queiran colaborar igual. O certo é que a sociedade de Ourense sempre responde.