Tovar, escribir versos como exercicio de fidelidade aos ditados da propia conciencia

H. J. P. REDACCIÓN / LA VOZ

RAIRIZ DE VEIGA

MIGUEL VILLAR

Delfín Caseiro firma unha magnífica antoloxía do bardo ourensán

13 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

«Hai poetas que levantan a voz para dicir o que pensan e hai poetas que empregan a palabra silenciada para calar o que saben. E Tovar é dos segundos. Tamén hai poetas que apousentan no centro das cousas para facelas falar e hai poetas que esculcan nos seus arredores para dar co silencio que permita escoitalas. E Tovar é dos segundos». Quen así tan atinadamente falaba é o poeta Baldo Ramos (Celanova, Ourense 1971), que se refería ao seu paisano Antón Tovar (Pereira, Rairiz de Veiga, 1921-Ourense, 2004) como unha voz xenuína allea á ditadura das modas e á perspicacia do momento propicio. Unha voz que se non é o ano próximo ou o seguinte —leva varios anos entre as figuras favoritas e as propostas ante a Real Academia— máis pronto que tarde debe protagonizar a gran festa das Letras Galegas. El, que nunca amosou présa por chegar a ningures, tampouco a tería agora.

Pero mentres o lector agarda este acto de xustiza para con quen pasou os seus últimos anos tristeiro e sumido na anguria, ben está poder desfrutar da magnífica Antoloxía poética que Delfín Caseiro preparou para o selo Edicións Xerais. Dicía un dos seus grandes valedores, Carlos Casares, que, «para Tovar, escribir versos é un exercicio de honestidade e de fidelidade escrupulosa aos ditados da propia conciencia», xa que o bardo limiao, aseguraba, «pertence á clase dos escritores filósofos, máis preocupados polos contidos que pola forma artística». Daquela, concluía Casares, é un escritor «pasado de moda; o que ocorre é que a estes poetas non lles preocupan as modas».

Precisamente por iso, entre outros motivos, como dá a comprobar esta nova antoloxía, a obra de Tovar non só segue a estar plenamente vixente, senón que loce vizosa malia o seu pesimismo.

A súa inclinación ao intimismo non impide que en moitos dos seus versos abrolle a poesía na defensa da lingua que tanto valora Xesús Alonso Montero, que lembra no prólogo a esta edición que «ninguén, nestas datas, publicou poemas sociolingüísticos sobre o idioma galego cos enfoques, a emoción, o dramatismo e a valentía do pentateuco de Antón Tovar», que incluso alude a como os seus pais —«amados ignorantes»— rexeitaron a fala propia. «Lonxe de seren panfletos reivindicativos (xénero totalmente lexítimo en certos contextos), son, sempre, poesía; son textos poéticos que, ás veces, non son resumibles ou doados de resumir na prosa profesoral», incide Alonso Montero, sabedor como é o vello profesor de que a boa poesía sempre ten algo de inaprensible.