Xesús Alonso Montero

RIBADAVIA

19 nov 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

O sábado, día 24, tributaráselle ao profesor Alonso Montero unha grande homenaxe en Ribadavia con ocasión de telo nomeado ese Concello fillo adoptivo. Dende que eu o coñecín, alá polo 1957, presumiu sempre de ser de Ribadavia, case máis que de Ventosela, onde viviu dende neno, por máis que fose vigués de nacemento.

Vén de lonxe a nosa amizade: 1957, se estou no certo. Por aqueles anos chegou a Santiago despois de ter gañado con singular brillantez as oposicións a catedrático de Literatura da Escola Normal. Era un novísimo catedrático, por recente no tempo e por poucos anos: pasaba por un de nós, dos que estabamos empezando as nosas carreiras.

Eu tiña noticias precisas do novo catedrático por Ramón Piñeiro, que o coñeceu persoalmente en Madrid, e del agardaba para a filoloxía galega, tan facareña por entón, farturentas colleitas. E tamén o coñecía por unha colaboración no primeiro Grial, o que Juan Aparicio silenciou por moitos anos.

De entón para acá, a obra do profesor Alonso Montero non fixo senón medrar, espallouse por diversos eidos da historia da nosa literatura, da filoloxía, da historia recente de Galicia, da sociolingüística... Pode que nin el mesmo teña unha idea exacta do moito que investigou, escribiu e pensou en tantos anos. Actividade inmensa e diversa que o converteron nun dos grandes polígrafos da nosa cultura, á par de ser tamén un dos poucos grandes oradores que nos quedan.

O que honra a quen o merece tamén se honra a si mesmo. Por iso os nosos parabéns non son tan só para el senón tamén para o Concello de Ribadavia por tan xusta distinción. Alí, en Ribadavia, estaremos, felices, o día 24, para honrar ao noso polígrafo e orador e para agradecer esta honra a quen lla concedeu. Saúde para todos.