A MIT de Ribadavia incluirá o acto de nomeamento do auditorio como «Manuel María»
RIBADAVIA
O Concello aprobou a iniciativa en lembranza da relación do escritor co Ribeiro e a Xeración Abrente
14 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.Manuel María mantivo unha fonda relación con Ribadavia que se remonta aos tempos da chamada Xeración Abrente. E precisamente os mozos de Abrente foron os que puxeron en marcha os festivais de teatro na capital do Ribeiro e os que crearon o certame que, co paso do tempo, rematou por chamarse a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. A corporación municipal aprobaba recentemente en pleno a proposta de honrar a memoria do autor de Outeiro de Rei ao que se lle adican este ano as Letras Galegas e o poeta será un dos protagonistas da xornada inaugural da MIT 2016.
Segundo se anunciou onte dende a organización da Mostra, a xornada do sábado será especial para a MIT « orque coincide coa decuberta dunha placa e dunha obra do artista plástico urbán MON (Ourense, 1985) na entrada do Auditorio da Casa da Cultura de Ribadavia, que a partir deste acto e por resolución do pleno do Concello de Ribadavia, pasará a denominarse Auditorio Manuel María». Na inauguración estarán presentes representantes da Fundación Manuel María, autoridades políticas e representantes do mundo da cultura, especialmente das artes escénicas. Será a partir das 20.00 horas.
Na xornada inaugural tamén se procederá a facer entrega do Premio de Honra Roberto Vidal Bolaño da MIT ás actrices Belén Constenla e Mabel Rivera. As galardoadas estrearán o día 19 Voaxa e Carmín.