Gulín, Ángeles

Xosé M. Rodríguez ANACOS

RIBADAVIA

Non sempre un remata por ser profeta na súa terra. Por veces nin profeta nin calquera outra cousa.

Nunha canella do barrio xudeo de Ribadavia, por tras do Papuxa e preto da Tafona da Herminia, mantense como pode -en varias ocasións se ten chamado a atención sobre o estado da mesma para que se puxese a xeito- unha placa en memoria da soprano que foi referencia nos mellores escenarios do circuíto da lírica mundial.

Ángeles Gulín (Ribadavia, 1939 - Madrid, 2002), a filla do director da Banda de Música A Lira que colleu o camiño da emigración á procura dunha vida mellor para a súa familia, rematou por ser unha figura de proxección mundial con éxitos en escenarios como La Fenice veneciana ou o Metropolitan de Nova York e con actuacións á par de figuras que aínda hoxe enchen teatros ou que sobrancean na historia da lírica, de Plácido Domingo a Pavarotti.

A enfermidade tronzou unha exitosa carreira musical e naqueles primeiros anos 90 era doado ver a Ángeles Gulín no seu pobo natal, disfrutando dunhas lembranzas e dunha vila que ao mellor nunca chegou a valorar na súa xusta medida a proxección mundial e o prestixio da artista nacida na capital do Ribeiro.

Tal día como hoxe, lembrábao César Wonenburger neste mesmo xornal o domingo, finaba Ángeles Gulín. E van alá quince anos. Na Coruña, onde lle teñen lei e manteñen viva a súa lembranza, hai organizados toda unha serie de actos: de conferencias a sesións de gravacións inéditas ou a actuación da súa filla, Ángeles Blancas.

Na súa vila só un placa na casa natal lembra á artista. O demais é silencio.