A MIT de Ribadavia pecha as súas portas coa beleza escénica da obra «Bach» da compañía Mal Pelo

La Voz OURENSE

RIBADAVIA

Espectáculo «Bach», de Mal Pelo
Espectáculo «Bach», de Mal Pelo Cedida

María Jurado presenta na Casa da Cultura da capital de O Ribeiro a peza «Spooky»

26 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT) despídese este sábado cun programa que mestura ironía e emoción estética. Ás 20.00 horas, na Casa da Cultura, María Jurado presentará Spooky, unha proposta na que dúas mulleres constrúen un dispositivo escénico a partir dos códigos do cinema de suspense e trash (lixo). O espazo teatral preséntase como a metáfora dun cerebro: un lugar ao que chega a información, os patróns, as proxeccións, as imaxes que as crenzas sobre o individuo constrúen dentro de cada un.

O broche final da MIT 2025 chegará ás 23.00 horas no castelo, coa recoñecida compañía Mal Pelo, de María Muñoz e Pep Ramis, que, entre outros galardóns, obtivo o Premio Nacional de Danza na categoría de creación no ano 2009 e a Medalla de Oro da Academia de las Artes Escénicas de España, no 2022.

Achegan a Ribadavia Bach, unha obra que funde música, movemento, mirada e ritmo, grazas a unha selección de preludios e fugas contados nos libros que conforman O clavecín ben temperado, do compositor Johann Sebastian Bach e que María Muñoz —creadora e intérprete— representa grazas á danza e cun rigoroso traballo sobre a linguaxe do movemento.

Na primeira versión completa da peza, estreada no Festival Temporada Alta 2005 de Girona, a gravación minuciosa e exhaustiva realizada polo pianista canadense Glenn Gould (1932?1982) acompañaba á bailarina, achegando unha corporalidade insólita: a do propio pianista, que coa súa respiración e murmurios semellaba estar presente na escena. En Ribadavia presentase coa versión gravada interpretada por Glenn Gould.

Bach representouse máis de 150 veces dende a súa estrea, ademais de en España, en países como Marrocos, Canadá, Inglaterra, Alemaña, Xordania, Siria, Austria ou Francia.