
O pregón corre a cargo do cociñeiro Adrián Díaz e os panadeiros agardan vender 3.500 pezas
01 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Hoxe • A partir das 12.00 horas (xantar oficial ás 14.30 horas) • Campo da Saleta (Cea) • En 1992 o Concello de Cea apostou por incorporarse ao circuíto das festas gastronómicas cunha proposta vencellada ao produto que identifica secularmente ao municipio: o recoñecido pan artesán que se elabora nos fornos do pobo. No Campo da Saleta celébrase hoxe a vinte e sete edición da Festa do Pan de Cea e como se fai dende hai anos a cita servirá tamén para promocionar os produtos de calidade amparados nas denominacións de orixe da comunidade autónoma: dos viños aos pementos e da castaña ao queixo.
En Cea xa comezaron onte co programa festivo celebrando unha nova edición da Ruta dos Fornos e hoxe é o día grande da festa.
As 10.00 horas comezará a actividade, co pasarrúas a cargo das charangas para anunciar a Festa de Exaltación do Pan de Cea. Para o mediodía está prevista a recepción das autoridades no Campo da Saleta e, neses mesmo escenario, o pregón será ás 13.00 horas. Adrián Díaz García, cociñeiro do programa «Larpeiros», será este ano o encargado de lembrar ao público presente na festa as características que fan do pan de Cea algo xenuino e singular.
As 14.30 horas comezará o tradicional xantar, para o que os organizadores da festa contan cunha previsión de cincocentas persoas. Os panadeiros agardan vender arredor de 3.500 pezas no posto da festa.
A partir das cinco da tarde poderase disfrutar das actuacións musicais programadas para rematar a xornada.