Non chove. E no inverno non nevou. Así que a seca é máis que unha realidade. Só fai falta ver o seco que está o monte ou botar un ollo a anos atrás para ter pensado que isto ía pasar. Tampouco fai falta ter seis carreiras, catro máster e falar nove idiomas para caer na conta de que pechar a billa mentes un lava os dentes e ducharse no canto de bañarse son pequenos xestos de aforro que entre todos, moito sumamos. Pero claro, sempre hai quen se pasa de listo. Contaba unha alcaldesa que no mes de xullo recibiu unha chamada dun veciño alertando de que debía haber algún problema co abastecemento, porque a auga viña con terra. E detectouno cando enchía a piscina. E así llo soltou, cando semanas antes editara un bando recordando á poboación que estaba prohibido o uso da auga da traída para regar, encher piscinas, lavar o coche... vamos, para as cousas que o sentido común di que non é a auga da billa, sobre todo cando escasea. Pero hai quen non ten moito sentido común e , en cambio, vai sobrado de egoísmo, como di o alcalde de Trasmiras, farto de que haxa quen abre a billa cando chega de vacacións e non se acorde de pechala ata que marcha... Son xestos egoístas e a seca é evidente; pero non só iso. Din que en Valdeorras o Sil vai baixo pola seca. Vai baixo pola seca e porque lle interesa ás eléctricas. Só así se explica que uns días no embalse da Rúa empecen a aparecer illas; e outros pareza que está a punto de rebordar. Mesma imaxe que daba o río desde Covas, en Rubiá, que semanas atrás tiña unhas beiras vén marcadas e agora volve ir cheo. E non choveu. Nin nevou. ¿Miragre de agosto?