O verán

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

VERÍN

Álvaro Vaquero

22 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Vintedous de xuño, verán arriba. Verín é un verán permanente, mesmo cando vai frío ou chove con inclemencia. De neno agardaba o día das vacacións para coller a maleta e regresar a Monterrei. Confeso que ao chegar ao alto das Estivadas comezaba a respirar distinto, como se o osíxeno entrara máis facilmente nos pulmóns, como se acariñase, vivificando, vivificándome. Cada regreso era unha resurrección. Un sempre se namoraba. Cada verán. E despois, como unha canción duodinámica, musitaba: «El final del verano llegó, y tú partirás». Escribía versos espantosos. Con rima e medida: sonetos plenos de petulancia. Pero sinceros. Co tempo comprendín que a sinceridade ten pouco que ver coa literatura. Que os bos sentimentos son simplemente iso, bos sentimentos. Aos meus alumnos dígolles que é preciso escribir baixo o imperio da emoción pero que despois hai que limar a emoción ata que quede a páxina espida. Quizá eu estea equivocado. Porén, é imprescindible recordar sempre o consello que o mestre Julio Cortázar outorgaba aos escritores mozos. Un deles preguntoulle: «Maestro, cuál es el secreto de la buena literatura». O xenio arxentino levou un cigarro á boca, deixou ir o fume como unha bolboreta gris, silencio, máis silencio. E falou: «Para ser escritor es necesario leer mucho, escribir mucho y, sobre todo, tirar mucho». Certo. Non hai oficio que requira máis correccións que o noso. Publicamos para non sentir constantemente a tortura de cambiar unha coma, un verbo, unha cadencia. Apenas se escribe con cadencias e ritmos e músicas. Non é preciso. Os editores só reclaman historias interesantes. Para que os libros se manchen con area de praia, sabor a mar. En verán, concretamente.