A feira

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

VERÍN

C. Andaluz

14 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

As feiras son o termómetro que marca a temperatura do país. Os políticos deberían visitar as feiras non só en campaña electoral. Se as pisasen cada xornada (en Verín: 3, 11 e 23 de cada mes), e non cada catro anos, decataríanse das preocupacións da cidadanía. Saberían cómo vai a economía con certeza sen ter que encargar prosaicos e fríos informes de números, ingresos, débedas, gastos, etcétera. Saberían, tamén, cales son as inclinacións dos galegos. Cales as nosas ilusións, a radiografía do noso ámbito, a diagnose dos nosos males e esperanzas. Eu paseo, en aceno científico, as feiras da miña vila. Escoito, observo e saco conclusións. Chama a atención que á xente da feira non lle preocupen, nin o máis mínimo, os asuntos que parecen tanto preocupar en Madrid. Son personaxes dun conto escrito por Cunqueiro ou por Castelao, que eran xentes de feira. Deambulan de posto en posto na procura de produtos a bo prezo. Os feirantes din que non vai ben a cousa. Que se nota que o poder adquisitivo (ao que eles chaman «os cartiños do peto») non é o mesmo. Fálase moito do aceite, pero pouco da froita, ou das prendas de vestir, ou dos utensilios e ferramentas agrícolas. A xente da feira vai comer o pulpo, toma o seu tinto e amósalle un sorriso á vida cando a vida quere non sorrir. Ao meu carón comían dous homes. Pediron dous bistés con patacas fritidas. Un colleu o bisté máis voluminoso. O outro díxolle que era unha falta de educación servirse de primeiro e amarrar o máis grande. «E ti cal collerías?», preguntou un. O outro contestou: «Eu son educado, collería o máis pequeno». «Entón de que te queixas? Xa cho deixei para ti». As feiras marcan a temperatura do país.