Coxear

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

VERÍN

06 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Había tempo que unha coxeira non me deixaba absolutamente noqueado. Antes eran frecuentes por mor da gota. Agora, resolta a gota, acósame unha tendinite aquilea, ou sexa, do tendón de Aquiles. Era o único lugar vulnerable daquel mítico guerreiro. E non me extraña, porque ese punto concreto do corpo humano produce unha dor insoportable. A gota, tamén. Pero a gota ten peor fama. Cando coxeaba por culpa dos ataques de gota que me cercenaban a saúde e a alma, había moitos que rían e sempre dicían o mesmo: «Iso é por comer marisco e beber de máis». E non escoitaban razóns de ningún tipo. Non saben que a gota ten moito de enfermidade xenética. O meu pai padecía gota. O pai do meu pai, tamén. E, créanme, as dores son insufribles. Empeza no dedo gordo do pé. Porén vai escarvando o seu propio territorio. Despois veñen os nocellos, os xeonllos, mesmo os cóbados ou as mans. A artitre gotosa por fortuna ten un remedio denominado alopurinol. Eu son cliente. E grazas a ese medicamento, louvado sexa Deus, levo sen ataques quince anos. O último colleume nun entroido. Eu ía disfrazado de Luix XIV. Dei o pregón en Verín. Os que escoitaron dixéronme que imitaba moi ben a coxeira do chamado Rei Sol. Non sabían que o ácido úrico me apretaba. Pero marchou a gota e veu, corrosiva, a tendinite. E non a dou arranxado. Non valen ibuprofenos, nin fisioterapia, nin estiramentos. Cando vén, vén, e hai que agardar que pase con resignación cristiana. Fun ao médico. Ochoa non estaba e atendeume outro galeno. Pregunteille: «Que podo facer, doutor?». Miroume de arriba abaixo, serio. Contestou: «De momento non lle queda máis remedio que coxear». Nunca coñecín unha resposta médica más sabia.