A Mercé

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

VERÍN

Celebración de la virgen de las Mercedes
Celebración de la virgen de las Mercedes VÍCTOR HUGO CONDE

Vintecatro de setembro: a Mercé. Todas as Mercedes están de conmemoración. En Verín celébrase unha procesión e parece que a vila, como por ensalmo, está abrazada e protexida polos anxos da garda. Se non coñece a igrexa da Mercé de Verín, na praza que leva o seu nome, non deixe de acudir a coñecela. Para min ese templo é como unha extensión do meu corpo. Dende neno, cando ser feliz era moi fácil. Dende sempre. O meu tío Gerardo, o enterrador, tamén exercía de xardineiro. Coidaba as flores e os mirtos do entorno. A praza foi reformada hai anos, pero os verinenses seguimos sentindo o recendo daquel xardín prohibido: as primeiras lecturas, os primeiros cigarros, os primeiros desenganos chorándonos entre os dedos. Hai lugares que marcan unha vida. Se eu tivese que elixir un, sería este. Por alí pasaba o sábado ás dez da noite, de regreso do cine Buenos Aires e camiño da casa familiar. A melancolía comezaba a petar na porta do meu corazón. O domingo non me gustaba. Era o día que volvía ao colexio en Ourense. Co tempo, a empresa Villalón iniciou un servizo os luns ás sete da mañá. Ás nove estaba nos Salesianos. Porén, a noite do domingo xa non a durmía. Pregúntome a miúdo se realmente pagou a pena tanta tristeza: abandonar o meu Verín para ir estudar á capital da provincia. Sempre chego á mesma conclusión: a miña xeración está marcada, a ferro, pola nostalxia. Co tempo aprendín que «volver» é un verbo agradable. Ata que non precisei volver a Verín: quedei aquí para sempre. Este vintecatro de setembro pedireille á virxe da Mercé que nos siga abrazando, si, como os anxos da garda. Eses que seguen habitando un dos lugares máis lindos, fascinantes e máxicos, da miña terra.