Centos de bombos soando ao tempo deixan ás claras que Viana do Bolo é a terra de fulión

La Voz O BARCO

VIANA DO BOLO

Máis de 20 agrupacións e comparsas participaron no desfile do domingo gordo

03 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Van sete anos desde que Viana do Bolo, Vilariño de Conso e Manzaneda decidiron unirse para reivindicarse como a terra do fulión. E onte, no domingo gordo vianés, quedou ás claras que non teñen quen lle tusa. Milleiros de bombos, aixadas e gadañas soaron a un tempo nun desfile multitudinario que comezou pouco despois das once da mañá e que ás tres da tarde aínda non rematara. Cada fulión co seu toque único e acompañado dos boteiros, que foron abríndolle paso entre a xente que agardaba expectante a ambos lados da rúa. Empurrar aos que se meten no medio do camiño é parte do seu cometido, e aínda así todos os anos son moitos os que son sorprendidos por un boteiro que os empurra coa careta para botalos cara un lado. Desta volta, iso si, tiveron menos traballo na praza Maior. Fuxindo do abarrote, a xente optou por ver o desfile ao longo do percorrido e iso deixou unha imaxe da praza menos ateigada que noutras ocasións.

Había grupos dos tres concellos, pero tamén se achegaron a Viana fulións de A Pobra de Trives, Buxán (O Bolo), Petín ou A Veiga, entre outros. Todos xuntos nun desfile que mestura tradición con modernidade, xa que tamén hai comparsas de disfraces.

O desfile rematou coa Festa da Androlla. Na nave do Toural xantaron confraternizando todos os participantes no desfile, mentres que no pavillón se celebraba o xantar oficial, con máis de 1.500 persoas degustando o cocido con androlla e despois o cabrito con ensalada. Unha vez repostas forzas, os bombos volveron soar.