O Consello da Cultura Galega lembra a Genoveva Vázquez, parteira da Limia
XINZO DE LIMIA
![Genoveva Vázquez Calviño](https://img.lavdg.com/sc/3uiha8R9pHWdKo2aZouw1gNKzvg=/480x/2024/05/22/00121716396781749709598/Foto/limia.jpg)
A biografía da ourensá foi incorporada ao Álbum de Galicia
23 may 2024 . Actualizado a las 19:12 h.A comezos do 2020 o Consello da Cultura Galega presentaba o seu proxecto Álbum de Galicia, unha iniciativa composta por unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron nos máis diversos aspectos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. O álbum vai sumando cada pouco nomes e agora o Consello da Cultura Galega incorporou ao mesmo a Genoveva Vázquez Calviño (Ponte Barxes, Bande, 1896 - Xinzo, 1971), coñecida popularmente como «a parteira da Limia».
De formación autodidacta, fíxoo a través dos libros de medicina que había na súa casa, Genoveva Vázquez exerceu como parteira durante medio século e os seus servizos foron demandados por persoas de toda clase social. Destacou pola súa discreción no exercicio dun labor polo que nunca aceptaba ningún tipo de pagamento. Dende a Asociación Escola Rural de Saúde da Limia, colectivo que reivindicou e recuperou a súa figura, incidiuse no seu día no feito de que grazas a ela se salvaron moitas vidas.
A figura da coñecida popularmente como «a parteira da Limia», exemplo de sororidade, destacou pola súa xenerosidade e a entrega para o ben común.