O editor Bieito Ledo organizou un encontro no que se presentou unha publicación que rinde homenaxe a esta árbore centenaria
10 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.O carballo de Padroso acolleu baixo a súa sombra a máis dun cento de persoas que este sábado se achegaron ata esta aldea de Xuqueira de Ambía para homenaxealo. O encontro anual organizado polo editor e escritor natural deste pobo Bieito Ledo xirou directamente nesta ocasión sobre a centenaria árbore. «Foi unha celebración extraordinaria e moi xenerosa. Veu xente de Barcelona, de Madrid, de Santander... e por suposto de case todos os puntos de Galicia», afirma. Ledo aproveitou o encontro de literatos e amantes da natureza para presentar a última publicación que edita a fundación que leva o seu nome. Trátase dun libro titulado O carballo de Padroso que recolle trinta pezas en honor a esta árbore. «Un primeiro milagro que fixo o carballo foi xuntar a trinta persoas que escribiran sobre el», afirma o editor do libro. A maioría dos que participaron na obra estiveron presentes este sábado en Xunqueira, recitaron as poesías e leron os relatos que lle adicaron ao carballo. Incluso algúns, coma Carmen Penín ou Armando González, animáronse a pórlle música á homenaxe.
Entre os persoeiros que non faltaron ao encontro estiveron o profesor Xesús Alonso Montero ou o artista Antón Pulido, quen se encargou de deseñar un cartaz coa palabra «Abrázame» que acompaña dende fai un tempo ao carballo de Padroso. «Non é o carballo máis vello de Galicia pero ten algo que o fai único. Ten ao lado a fonte do pobo e a catro metros pasa o Camiño Mozárabe. Penso que ten unha enerxía, un silencio e unha natureza especiais e gústame animar aos turistas a que desfruten de todo iso», termina Ledo.