Luis Carandell

JOSÉ MANUEL ORTIGUEIRA

PONTEVEDRA

TRIBUNA PÚBLICA

07 sep 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Un cabaleiro doutro tempo, metade catalán, metade madrileño, pero tamén moi universal. De feito, viviu e traballou en países tan lonxanos coma Xapón. Un mestre da crónica parlamentaria, cunha memoria prodixiosa e unha ironía da que calquera desfrutaba. Aquel decembro de 1991 decidimos convidalo para abrir as tertulias do Ateneo de Caldas de Reis e aceptou encantado. Un día enteiro: paseo, charla, aloxamento, revisión da historia de Caldas escrita por Hipólito de Sa. Do seu paso polo balneario Dávila, daquela marabillosa conferencia-coloquio sobre os políticos actuais e do século pasado e a relación entre periodistas e políticos deixounos para o recordo moitas anécdotas. Falaba Luis Carandell da viaxe en barco a Nova York do arcebispo de Canterbury. No mesmo porto foi abordado polos periodistas locais, nestes termos: "¿Que opina Monseñor da existencia de prostíbulos no leste de Manhatan?". El, un pouco sorprendido, respondeu: "Pero,... ¿hai prostíbulos no leste de Manhattan?". Ao día seguinte, en portada dos xornais aparecían os seguintes titulares: Primeira pregunta do arcebispo de Canterbury á chegada a Nova York: "¿Hai prostíbulos no leste de Manhattan?". Luis Carandell defendía un parlamentarismo máis vivo, máis inglés, máis doutro tempo; dicía que hoxe xa se sabía como comezaba e como remataba cada sesión parlamentaria. Recordo aquela anécdota recollida por Wenceslao Fernández Flórez dos deputados de alta velocidade: "Falaba tan rápido que demostrou como se pode pronunciar en media hora un discurso de dúas horas. Dous taquígrafos pediron a excedencia. A velocidade do orador aumentou de tal xeito que o final do discurso chegou aos nosos oídos dez minutos antes que os parágrafos anteriores". Nos seus espacios radiofónicos, podía falar da raíña Urraca, de Cicerón ou de Felipe II coa mesma soltura coa que nós comentamos algo dalgún veciño. Amigo Luis, dende este recuncho da túa Celtiberia, recordarémoste hoxe e sempre.