Galicia detrás do espello

MARTIÑO SUÁREZ

PONTEVEDRA

¡ARRE HO! | O |

05 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

DIGAN o que digan os índices de lectura, os galegos temos unha relación case carnal coa literatura. Vivimos nun país de conto, nun mundo detrás do espello no que as empanadas son xigantes, as ciberpallozas están máis cerca de Connecticut que de Becerreá e as pistas aparecen cada catro anos milagrosamente asfaltadas con chocolate branco. O cúlmen desta cópula entre realidade e ficción produciuse o ano pasado, cando Álvarez Cascos nos convenceu por uns días, coma un Lovecraft asturiano, de que o mar estaba cheo de fuel, cando o único que flotaba arredor de Ons era, oh, poesía. Menos mal que pouco despois nos sacaron do erro os resultados electorais. Así que creo que darlle unha medalla de Galicia a Cascos é un insulto, pero para el: con tamaña capacidade para fabular, ¿por que demo non lle dedicaron aínda o Día das Letras Galegas?