¡ARRE HO! | O |
09 jun 2004 . Actualizado a las 07:00 h.ENTRE as cousas que tiven que deixar de facer neste último mes e medio, a que máis me doe é non ter escoitado o concerto de Lambchop no Pazo da Cultura. Dun tempo a esta parte, a este ex punk con mala conciencia deulle pola música acústica, salvo cando viaxa pola autopista: aí a leña brava é inexcusable. Antonte quedei prendado de Dominique A, que actuou en Vigo. Non é unicamente que o tipo cante no segundo idioma que máis me gusta do mundo, é que el só, a base de cancións e de presencia, é capaz de encher o escenario enorme, frío, dun teatro de colexio de curas. Dominique A é un tipo de Nantes, enorme, pelado, prognático, vestido de negro, que se fai rodear de pedais de efectos e de artiluxios para gravarse a si mesmo e logo cantar por encima cunha voz emocionada. E créanme que lle funciona: no final do concerto de antonte, no festival Sinsal, deixoume primeiro a boca aberta, agarroume despois do peito e destrozoume finalmente cun Tout sera comme avant terrible, mil veces mellor aínda que o que aparece no seu último disco. El só, sen trampa, sen rede, sen andrómenas. Algúns coñecen o secreto, e este cantautor -con perdón- francés é un deles. En fin, que se alguén de vostedes é tan estúpido coma servidor e pensa que a música non cambiará o mundo, pero fará que sintamos unha cousa parecida, non deberá esperar demasiado para bucear un pouco máis nesa sensación. Mañá, no mesmo festival Sinsal, haberá sesión triple cos alemáns Donna Regina, o tremendo compostelán Apenino e os Overlook, de Caldas de Reis. E Vigo non está tan lonxe.