¡ARRE HO! | O |
09 jul 2004 . Actualizado a las 07:00 h.CANDO estudaba no instituto, dous amigos e máis eu fixemos un grupo de punk co que entreter as tardes chuviosas do norte. Para anunciar as nosas actuacións fixemos un cartel no que se lía o noso nome pero víase a foto de Los Tres Soles del Paraguay, vestidos con poncho e portando guitarras e requintos ao lombo. A imaxe gustábanos de puro revellida, e recordábanos aquelas arroutadas que de vez en cando lle daban, nas festas da vila, á orquestra Variedades, cando baixaban do palco, entraban na furgoneta e logo volvían tocar vestidos de mariachis, desempolvando -nunca mellor dito- o vetusto repertorio de Jorge Negrete. Nun xiro austeriano, este verán vou volver atoparme cos tres soles famosos, esta vez como atracción das festas da Peregrina en Pontevedra. Quizá para compensar o elevadísimo -e excelente, por outra parte- programa do festival de jazz, o Concello recuperou aos paraguaios para acompañar a El Canto del Loco, coñecidos polos ollos augamariña do seu cantante, e que viva a música. Pero velaquí que á oposición non lle parece bastante con que se nos torture pola vía sudamericana e propón mellorar as festas con Bisbal, Chayanne, Juanes, Camela, Shakira, Andy y Lucas ou Café Quijano. Mellor non me esperten.