Escritores e cachondos

MARTIÑO SUÁREZ

PONTEVEDRA

¡ARRE HO! | O |

08 sep 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

UNHA amiga miña di que, dado que a guapura é algo xeralizado entre os escritores galegos, as editoriais venderían moito máis se puxesen nos libros unha foto ben grande do seu autor. Non é a única que o pensa: hai quen di que Paul Auster é tan popular pola súa prosa enigmática e cristalina coma pola fondura dos seus ollos. Coñezo tamén xente que cre que Manuel Rivas non sería ninguén sen esas fotos que lle fan con xersei de colo alto e flores de toxo na man, ou quen di que tanto mérito coma o que escriben teñen as pintas de mariñeiro curtido de Beckett, a imaxe de oriental triste de Kureishi ou as xa míticas patillas do meu amigo Diego Ameixeiras. Non sei que dicirlles. Supoño que cando se fala das memorias de Tom Cruise ou de Steve McQueen algo de importancia terá que na contracapa aparezan as carnes ben distribuídas, pero noutros casos non estou eu tan seguro. Stephen King non é precisamente un efebo, e ninguén vende máis libros que el; Cunqueiro tiña un bandullo coma un mundo, e, pese a todo, elévase moi por encima de case todo o que se escribiu nesta parte do mundo. A saber. Eu, por se acaso, procurarei que non poñan aquí arriba o meu careto.