NA ÚLTIMA | O |
29 sep 2004 . Actualizado a las 07:00 h.OS RAPACES de Halmstad, unha pequena cidade de oitenta mil habitantes ao sur de Suecia, miraban a principios dos anos noventa con envexa o coche de Per Gessle, o cantante de Roxette. O ídolo local, que entón triunfaba por medio mundo, gañara simpatías por manter os seus cartos na conta de sempre do banco da cidade que frecuentara dende rapaz. Os millóns, que o eran en calquera moeda en que se contabilizaran, que ingresaba parecían moitos máis porque era unha tempada en que moitos outros artistas e deportistas fixaran a residencia en Mónaco e sitios polo estilo para evitar os altos impostos que manteñen o sistema sueco como un dos máis igualitarios do mundo. Dentro do conto solidario que parecía protagonizar, Per reservára unha pequena parcela para o egoísmo. Ese era o principal motivo das miradas dos cativos. O deportivo que conducía ía identificado por unha matrícula especial, pola que había que pagar un imposto extra, pero que permitía por nela o que a un lle petara. El escribiu: «Rox 1». Lido en sueco era idéntico ao nome do grupo co que triunfaba. Agora que por aquí se propoñen outra vez diferenciar as matrículas, estaría ben unha medida similar. Aínda que só fora polos nenos, que xa se sabe que adoran os coches distintos.