Debaixo das uñas

MARTIÑO SUÁREZ

PONTEVEDRA

¡ARRE HO! | O |

18 feb 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

MOITAS veces pódense ver paseando polo centro de Pontevedra, severos, circunspectos, pagados de si mesmos e co papo cheo de razón. Son fáciles de recoñecer porque falan con voz engolada, pechando moito a boca ao pronunciar os is e abríndoa ata que se lles escorda para dicir os as e os es, pedindo café «con leche» coma se fose o último manxar chegado das colonias, comentando coas amistades anécdotas que invariablemente pasan por algunha rúa céntrica de Madrid, un lugar que din coñecer como a palma da man, disfrutando da tarde mentres falan, oh espíritus cultivados, das marabillas do último libro de Pérez Reverte, presumindo dun castellano tan requintado que dá a risa. Un profesor meu dicía dun deles, deseñador de modas para máis señas, que por moito que vivise nun ático de cincuenta millóns na Castellana seguía tendo un pedazo de bica ourensá prendido do beizo. E non é cuestión agora de poñerse a defender cegamente un mundo escuro e felizmente desa­parecido, pero si, por moito que o disimulen, por moito que odien todo o que representa o seu pasado, por moito que desprecen a uns pais que non souberon facelos nacer un pouquiño máis cerca da Gran Vía, eles tamén levan restos de esterco debaixo das uñas.