¡ARRE HO! | O |
11 jul 2005 . Actualizado a las 07:00 h.LEO xornais atrasados nos que se fala do que pasou en Londres en abril do ano 1993, despois de que o IRA devastase o centro financeiro da cidade cun camión bomba -xa o nome do dispositivo soa a bestiada-, cargado cunha tonelada de explosivos fabricados a base de fertilizantes. O estourido escoitouse en dez quilómetros á redonda, e unha nube de po cubriu a área durante todo un día. Houbo un morto, un fotografo dun xornal sensacionalista que retrataba a evacuación da zona, e corenta feridos. Os danos superaron os catro millóns de euros, e as compañías instaladas na city perderon millóns de folios con documentación. Foi un sábado. Con todo, o luns seguinte amenceu para milleiros de oficinistas case igual que calquera outro: ducháronse, almorzaron, pillaron o metro ou o autobús ata o seu lugar de traballo, consultaron nas paradas os planos das rúas que seguían cortadas, chegaron como puideron á porta das oficinas ou ao edificio do Concello, e alí recibiron instrucións precisas de onde debían ir traballar, en moitos casos domicilios particulares ou incluso edificios da competencia. «Todo funcionou perfectamente. A puntualidade foi absoluta», dixeron, en xeral, os portavoces das empresas. Os británicos, esa xente flipante.