Reportaxe | A denominación dos viais Só un personaxe dos que dan nome ás rúas de Pontevedra, o Rei, está vivo na actualidade. Os nomes medievais, da Restauración e dos inicios do século XX dominan o listado
27 ago 2005 . Actualizado a las 07:00 h.¿E se ese personaxe á que acaban de dedicarle unha rúa acaba sendo un canalla? ¿Que hai que facer entón, quitar a placa, pasalo por alto, defendelo ata a morte? Pontevedra non terá ese problema: só unha das persoas que dan nome ás súas avenidas está viva. E é o Rei. O falecemento hai uns meses de sor Lucía, a nena que contou, a principios do século pasado, que se lle aparecera a virxe en Fátima (Portugal), deixou case sen representación aos personaxes vivos no rueiro de Pontevedra. Bautizar na honra de vivos «era unha práctica casi inédita ata hai pouco, aínda que agora empeza a facerse», explica Luís Bará, desde hai pouco director xeral de Creación Cultural da Xunta, e ata hai nada concelleiro de Cultura en Pontevedra. Con el na corporación déronselle nomes a trinta rúas novas, tirando de músicos, escritores ou navegantes, todos mortos, todos con traxectoria comprobada. Esta última ampliación do rueiro pontevedrés veu agrandar o peso que nel teñen períodos da historia nos que a cidade foi todo un referente en Galicia. Como, por exemplo, a Idade Media ou o Renacemento. Pontevedra era daquela unha cidade que producía con igual velocidade poetas e conquistadores. Eles son os que dan nome a rúas como a de Paio Gómez de Charino ou os irmáns Nodales, que ben poderían ter paseado por lugares que, no ano 1996, recuperaron a súa denominación tracidional, polo menos como apoio da actual. É o caso da rúa das Ovellas -hoxe rúa Alta-, ou da praza de Curros Enríquez -coñecida como praza do Hospital-. Próceres Os próceres do século XIX e da Restauración tamén teñen unha aplastante presenza no listado, case todos elas dese hai decenios. É o caso de varias das rúas máis importantes da cidade, como a avenida de Montero Ríos ou Benito Corbal. Tamén a principios do século XX foi Pontevedra, probablemente, o lugar máis dinámico de Galicia. Nesa época viviron na cidade xentes como Castelao, Casto Sampedro ou Bibiano Fernández Osorio, a quen se lles entregou unha rúa nalgún momento do século. Os músicos, como o gaiteiro de Soutelo ou Víctor Mercadillo, incorporáronse en bo número á lista nos últimos tempos. Con todo, os santos, con máis dunha ducia de viais, seguen sendo os reis do mapa. Non hai ningunha norma que o impida, pero dar nomes de vivos é algo moi estraño na capital provincial. Non teñen tanto reparo para dar nomes de persoas vivas en Vigo. Na cidade veciña, polo menos seis lugares poderían ser visitadas hoxe por aqueles a quen van dedicadas, como Francisco Fernández del Riego, María Xosé Queixán, María do Camen Kruckemberg ou Isaac Díaz Pardo. Algo parecido ocurriu en Pontevedra nalgunha o ocasión. O profesor e ex alcalde Filgueira Valverde constitúe toda una excepción: nos noventa chegou a ver a placa cos seus apelidos nunha das rúas da cidade. Na actualidade, teríao bastante máis difícil.