Vinte e cinco anos cos pequenos

La Voz

PONTEVEDRA

XOÁN CARLOS GIL

Praza da Ferrería O colexio Crespo Rivas celebra un cuarto de século de existencia con charlas de Rosa León, concertos, publicacións, una comida e un discurso da mestra que lle dá nome

13 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

Moitos dos que pasaron polas aulas do colexio de Educación Infantil Crespo Rivas son hoxe adultos, ou cando menos rapaces, que terán o seu propio recordo dun dos centros máis activos da cidade de Pontevedra. A escola fai estes días 25 anos da súa apertura, en 1980, e celébrao cunha semana de actos culturais e festivos, con exposicións, presentacións de libros e debates con sorpresa. Porque a primeira das xornadas de conmemoración, a do luns 17, terá como estrela unha mesa redonda na que se falará de Ensinar a soñar, e na que participará a cantautora Rosa León, unha voz omnipresente nos programas televisivos dirixidos á infancia durante os anos oitenta e parte dos noventa. A artista estará acompañada neste acto, que se levará a cabo ás oito da tarde no Teatro Principal, por Fina Casalderrey e Xesús R. Jares. Antes, ese luns, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, terá aberto a semana de celebracións, e, ao mediodía, no propio centro, terán actuado os titiriteiros de Seisdedos. As actividades continúan na mañá do martes 18, coa presentación dun mural de recortes de prensa que repasan a historia do colexio durante vinte e cinco anos, e cunha sesión de contacontos a cargo do grupo Pavís-pavós. O mércores exporase un vídeo documental dos 25 anos de historia do Crespo Rivas, e os debuxantes dos xornais da cidade -entre eles o colaborador de La Voz Kiko Da Silva- aprenderán o seu arte aos cativos. Compilación de cancións Queda para o xoves 20 un dos actos que máis ilusión fan aos organizadores da semana de conmemoración, coordinada por Álvaro Estévez e pola directora do colexio, Carmen Gómez. Trátase da presentación dun libro que Miguel Anxo Mouriño fixo especialmente para a data. O volume é unha compilación de textos, obras de teatro, cancións e poemas coas que o escritor foi agasallando ao centro durante anos, con motivo de antroidos, días especiais, actuacións teatrais ou citas diversas. O acto celebrarase ás dez da mañá, e seguirao una representación teatral do grupo Migallas na residencia da terceira idade próxima á escola. Xa o venres presentarase unha revista que recorda os cinco lustros de historia, con fotos de todos os alumnos -faltan os da primeira promoción, aos que o centro pide colaboración para recuperar esas imaxes-, e unha sesión de maxia. O fin de festa será tamén emotivo. A mediodía falará para clausurar as xornadas Concepción Crespo Rivas, a mestra que dá nome ao colexio, do que foi directora. Durante a mañá actuará o grupo musical Arco da Vella, formado por ex alumnos do centro pontevedrés. Ás dúas e media, no Hotel Galicia Palace, unha comida de fraternidade será o colofón da semana festiva. Para asisitir -o cuberto custa 25 euros, e hai que pagalo antes do día 18 de outubro- pódese chamar ao teléfono do propio centro, o 986???843???058.