Domingos

MARTIÑO SUÁREZ

PONTEVEDRA

¡ARRE HO! | O |

31 oct 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

ALGÚNS cren que os domingos son tan tristes coma os que pintaba Lou Reed en Sunday Morning, a canción da Velvet Underground. Non é raro escoitar a xente dicir o tediosas que son as tardes das fins de semana, o pouco que hai que facer máis alá de ver Cine de barrio, o coñazo que é pasar o día sen poder asaltar as tendas, que están pechadas, ou os ambigús, que aínda cheiran á resaca do día anterior. Non saben o que din. Por motivos profesionais, servidor non empezou a disfrutar deses domingos de non facer absolutamente nada ata hai un par de meses. Para min, as sunday mornings eran ata agora o preludio dun día de tolos: erguíame habitualmente nunha cidade estraña que non había tempo de visitar, almorzaba algo correndo, viaxaba a toda velocidade ao lugar no que a primeira hora da tarde me tocaba traballar, escribía enfebrecido ata a medianoite e logo tentaba buscar un lugar no que cear no medio dunhas rúas absolutamente desertas, e finalmente metíame na cama do hotel máis triste que o carajo. Supoño que será por iso, pero agora encántame espertar á hora que me peta, mangar o cazo durante unha hora mentres vexo debuxos animados ou calquera serie de televisión chunguísima, ducharme -ou non-, afeitarme -ou tampouco- e ir tomar un café con leite mentres o resto do mundo está xa co xantar. E adoro os telefilmes da tarde, os telexornais vacíos de contido, as carreiras de Fernando Alonso que nunca logro acabar de ver porque me entra un sono terrible, o son do teléfono que non me apetece pillar e non pillo, as pilas de xornais que nunca consigo ler e que estiro durante toda a semana, as horas que me tiro diante da ventá coma un babeco vendo chover, a manta de cadros marelos na que nos refuxiamos os dous habitantes da casa na que vivo. Os domingos molan. Mogollón. martino.suarez@lavoz.com