Praza da Ferrería Os socios do Casino e os seus acompañantes poderán seguir a carreira automobilística de Brasil e o Madrid-Barça desde una pantalla xigante
21 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.A nova directiva do Liceo Casino que preside Eduardo Barros Pereira, elixida a finais do pasado mes de setembro, comeza a darlle outro aire á veterana sociedade pontevedresa. Sen ir máis lonxe, os afeccionados ao automobilismo e ao fútbol poderán seguir hoxe dous importantes acontecementos a través dunha pantalla xigante, de 5 metros cadrados -2,5 por 2 metros- instalada no salón principal do noble edificio de Manuel Quiroga. Ao recinto terán acceso tanto os socios que o desexen como os seus acompañantes. Como non podía ser menos, as citas que se retransmitirán serán a carreira de Fórmula 1 no circuíto brasileiro de Interlagos, na que o piloto español Fernando Alonso podería proclamarse, por segundo ano consecutivo, campión do mundo, e o clásico do fútbol por excelencia, o que disputan no estadio Santiago Bernabeu o Real Madrid de Fabio Capello e o Futbol Club Barcelona de Frank Rijkaard. A retransmisión do primeiro destes acontecementos comezará ás 17 horas e logo continuará o partido. Ademais, funcionará o servizo de bar para aliviar tensións e nervios entre os espectadores. Trátase de abrir ao máximo unhas instalacións ata agora infrautilizadas e ampliar servizos para que os socios poidan gozar maioritariamente delas. Os interesados poden consultar a web do casino, www.liceocasino.com e ver as novas actividades programadas como, entre outras, unha gran festa baile anunciada para o próximo 18 de novembro ou as clases de billar que se impartirán os sábados pola tarde no local social. Congreso de onomástica Si no Casino queren recuperar actividades para os socios, na Congreso Internacional de Onomástica Galega que se pechou onte no Pazo da Cultura tamén quedou claro que é necesaria a recuperación «dos nomes dos lugares nos que vivimos e dos nosos nomes, dos propios», como subliñou na clausura a concelleira de Cultura, López Escuedeiro, que recordou que en Galicia aínda está por facerse unha lei do patrimonio toponímico. Nesta última xornada, o catedrático de Lingüística Indoeuropea da Universidade de Salamanca, Francisco Villar Liébana, fixo un percorrido histórico sobre os diferentes estudos sobre a toponimia da península ibérica e abogou pola indagación da etimoloxía do conxunto da toponimia para establecer que línguas se falaron en cada área, e non seguir a metodolosía contraria de interpretar a toponimia en base á lingua da que se cree orixinaria. O profesor considera que os topónimos europeos teñen unha raíz mesolítica e para remontalos a unha orixe paleolítica habería que facer máis comprobacións. Sen embargo, si que se fixo eco dos estudos xenéticos que consideran que en Europa houbo moi poucas migracións da poboación, polo que non descarta que sexan anteriores ao mesolítico. Villar Liébana cree que a invasión romana cambiou en gran medida os topónimos das principais cidades da Península Ibérica. GPS para os mariñeiros Na posterior mesa redonda sobre Aplicacións didácticas da onomástica, Xulio Concepción Suárez, Benjamín Méndez e Xosé Lois Vilar, docentes e expertos en toponímia de Galicia e Asturias, expuxeron as súas experiencias en canto a aplicación didáctica da toponimia a través da descrición de proxectos concretos que se levaron a cabo entre os alumnos de primaria e secundaria. Xosé Lois Vilar, do grupo de estudos miñoranos, fixo unha exposición sobre os 1.400 talasónimos -nomes da paisaxe marítima- que atopou na Costa do Val Miñor. Eses nomes servían como GPS para os mariñeiros da zona e amosa, segundo Vilar, «a presión económica sobre o medio», xa que moitos están relacionados coas zonas de pesca e marisqueo. Algúns dos nomes rexistrados fan referencia aos naufragios que houbo na zona do sur de Galicia. É dicir, fanse eco da memoria colectiva das catástrofes marinas. O congreso pechouno a presidenta da Asociación Galega de Onomástica, Luz Méndez, en presencia da directora do Instituto da Lingua Galega, Rosario Álvarez, e o profesor da Universidade de Vigo, Gonzalo Varela, xunto coa antedita concelleira, María Xesús López.