Praza da Ferrería Os veciños de Salcedo celebraron a recuperación da construcción da Cancela mentras en San Roque fixeron un magosto
04 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.«Unha noite no muíño non é nada, unha semaniña enteira iso si que é muiñada». Da copla popular acordáronse onte os veciños de Salcedo que celebraron cunha festa a recuperación do muíño da Cancela. A Asociación de Veciños Heroes do Campo da Porta acometeu os traballos, que foron realizados por particulares desinteresadamente nas xornadas dos domingos dos últimos dous anos. Por iso onte todo eran sorrisos e caras de felicidade coa satisfacción de ver feito realidade ó que parecía un soño. Empanadas, castañas e viño non faltaron na cita do muíño, que se degustaron baixo unha carpa que quedou pequena nalgúns momentos dada a afluencia de visitantes. O presidente do colectivo veciñal, Ramón López Laxe, calcula que unhas 500 persoas se acercaron a ver o muíño, que levou toda a tarde funcionando. Non faltou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, nin a música tradicional, a cargo do grupo Os Chichisos. Todos querían ver a obra. No interior figuraban debuxos das distintas partes do muíño cos seus nomes. Agora, a directiva de Laxe vaise poñer en contacto cos directores dos dous centros escolares da parroquia para tratar de facer algún tipo de actividade, de cara a primavera, para que os alumnos coñezan o funcionamento desta construción popular galega. O dito, fai falla unha semaniña enteira de celebracións. Magosto Seguindo con veciños e con festas, a asociación San Roque que preside Sabino Martínez Fontán levou a cabo na tarde de onte o seu tradicional magosto na súa sede da travesía Irmáns Pazó Montes e na praza exterior. Alí se montaron unhas mesas para levar a cabo diversos xogos dirixidos aos máis cativos, antes de degustar un dos produtos típicos do outono, as castañas, das que se prepararon cen kilos. O acto estivo amenizado por un grupo de música folclórica. Por certo, que esta asociación entregará o vindeiro martes os premios do seu concurso de mus. Unha festa tamén foi o inicio da actividade A hora do conto, un obradoiro de animación á lectura coordenado polo grupo de contacontos Pavís Pavós que onte iniciou unha nova andadura no Pazo da Cultura. Dirixido a nenos de 4 a 11 anos, este ano é a oitava edición e leva por título A cova da Curuxa. O seu obxectivo é acercar aos máis cativos ao mundo dos seres míticos galegos. A impresinante Curuxa instalouse no Pazo da Cultura para contarlle aos nenos contos, cancións e historias sobre seres como Pedro o chosco, o cocón ou os lobishomes. Os nenos tamén elaborarán receitas de cociña e seguirán algunha de apócema máxica da bruxa na que non faltarán herbas, allos e cebolas. Ao longo do ano, A cova da Curuxa será visitada polo grupo de música Golfiños e os monecos de Galitoon, entre outros invitados. A actividade desenvolverase todos os sábados.