«Lost in translation» abre o ciclo sobre hoteis de cinema

La Voz CH. L. | PONTEVEDRA

PONTEVEDRA

En dous minutos | Conferencia-proxección Cunha charla do profesor Fernando Redondo e o pase da película de Sofía Coppola comeza a nova iniciativa da Fundación Caixa Galicia

16 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

O novo ciclo de cinema da Fundación Caixa Galicia revisará os clásicos que se desenvolven nos hoteis, que dese modo convertéronse tamén en auténticos protagonistas das historias que se contan neses filmes. Baixo o título Toc, toc... Avanti!. Hoteis de cinema pasaranse oito películas desde hoxe ata o 19 de decembro, firmadas por realizadores como Lubitsch, Houston, Visconti ou Mamet, que se exhibirán en versión orixinal e con entrada gratuíta. O ciclo, coordinado por Yolanda López, ábrese hoxe, ás 19.30 horas, cunha conferencia do profesor de Teoría da Comunicación Audivisual na Universidade de Santiago, Fernando Redondo, que falará sobre Lost in translation: relato de soidades compartidas, antes da proxección desde filme do ano 2003, dirixido por Sofía Coppola e protagonizado polos actores Bill Murray, Scarlett Johansson e Giovanni Ribisi. O título do ciclo tomouse da película de Billy Wilder protagonizada por Jack Lemmon e Juliet Mills cando contestaban aquilo de Avanti! cando petaban na porta do seu cuarto de hotel e que en España volveron titular desacertadamente como Qué pasou entre teu pai e a miña nai? Toc toc... Avanti! Hoteis de cinema continuará coa proxección das película California suite, de Herbert Ross, o 21 de novembro; Ninotchka, de Ernst Lubistch, o 24 de novembro; León, o profesional, de Luc Besson, o 28 de novembro; Morte en Venecia, de Luchino Viscont, o día 1 de decembro; State and Main, de David Mamet, o 12 de decembro); Key Largo, de John Huston, o 14 de decembro) e O hotel das liortas, de William A. Seiter e protagonizada polos irmáns Marx que pechará o ciclo o 19 de decembro.