Praza da Ferrería A biblioteca Antonio Medal de Ponte Sampaio acadou os 6.000 volumes
16 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.Os veciños de Ponte Sampaio lograron o obxectivo marcado para o ano 2006 ao sobrepasar os 5.000 volumes para a biblioteca pública Antonio Medal, que xestiona a Asociación de Veciños Santa María da devandita parroquia. A directiva que preside Luis López Carragal ven de agradecer as institucións e organismos públicos e privados, entre os que está La Voz de Galicia e a Fundación Santiago Rey Fernández Latorre, a doazón de libros. Tamén unha pontevedresa, Carmen Vázquez González, fixo unha aportación a título particular. A biblioteca abriu as súas portas en setembro do 2004 con 3.000 exemplares e está operativa todos os días, de 17 a 21 horas. Non sabemos se cinco mil, pero tampouco por suposto van faltar os libros na oitava edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que arranca o vindeiro 4 de febreiro. A organización do evento xa adiantou que este ano o salón está dedicado a algo tan intínseco á literatura como é o medo. Ademais, se realizará unha especial homenaxe ao escritor Bernardino Graña e o país invitado deste ano é Brasil. A ilustradora lucense Noemí López, que este ano tamén participará impartindo un obradoiro no Salón, é quen firma o cartel desta edición, un debuxo que mestura as historias da tradición oral e os debuxos animados da televisión e a banda deseñada. López mergullouse na súa propia nenez e nas historias fantásticas que lle contaba o seu avó para manifestar que os maiores son ás veces «máis medoñentos cos nenos, querendo pensar por eles cando a vida nos obriga a enfrontarnos a cousas boas e malas». Por certo, que este ano está que nin pintada a elección da mascota do Salón, o lobo Orbil, aínda que este non asusta, só come libros. Calculista E seguro que moitos libros sobre cálculo ten lido o colombiano Jaime García Serrano, un calculista de recoñecida fama mundial, que onte deixou boquiabertos aos alumnos do IES A Xunqueira 1. A súa consigna, que utilicen máis a memoria e menos a calculadora, unha disciplina diaria coa que acadarán unha maior autoestima. Un bo consello.