Ravachol, dobre protagonista

La Voz

PONTEVEDRA

Praza da Ferrería Como non podía ser menos, o irreverente loro da botica de don Perfecto Feijoo aparece nos dos carteis para anunciar o entroido pontevedrés

19 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

Onte se presentaron no Concello os dous carteis das vindeiras festas do entroido, nos que o protagonista indiscutible é o loro Ravachol, personaxe emblemático destas festas en Pontevedra. No propio do entroido, aparece o ave, cun sinxelo e logrado deseño e de cor verde, e debaixo, algúns edificios e rincóns típicos da cidade -a Casa Consistorial, unha das fontes de fundición da cidade, as pontes de Burgo e a dos Tirantes e o Pazo de Mugartegui- mentres que no outro, Ravachol está morto, con velas e flores aos seus pes. A axencia Ovo Publicidade é a autora destes carteis e como explicou o seu portavoz, Ismael Calvo, «quixemos xogar coa continuidade do cartel do entroido e o propio do evento de Ravachol». «Enfocámolos -engadiu- no que significan esas datas para Pontevedra e personalizados na figura do noso loro». Campaña en Portugal No acto de presentación dos carteis estivo a concelleira de Festas Anxos Riveiro, que subliñou que na vindeira semana empezará a distribuírse o cartel e o programa do entroido e non so por Galicia, senón que vaise levar a cabo «una campaña importante en Portugal e Asturias -dixo- porque queremos animar á xente a que veña a Pontevedra a divertirse nestas datas». En canto ao do enterro, distribuirase na cidade a partir do mércores de cinza, pois a festa non rematará ata o venres co enterro de popular loro. Anxos Riveiro avanzou que no entroido pontevedrés «un dos máis dinámicos e divertidos dos que se celebran nas cidades galegas» haberá «oito días de diversión continua», do 16 a 23 de febreiro. Ademais das actividades habituais do desfile, mostra de parodia, festival de murgas ou presentación e posterior enterro de Ravachol, haberá outras complementarias previas as datas das festas. Charlas Concretamente, na vindeira semana comezará un ciclo de conferencias. O día 25, o ensinante e investigador Carlos Solla Velasco falará sobre o Entroido de Terra de Montes. Ese mesmo día, presentarase un doce recuperado pola asociación Espadela de Cerdedo, a vincha. E Alberto Fortes, que acaba de editar un libro sobre Ravachol, falará do loro noutra conferencia prevista para o 9 de febreiro. A concelleira anunciou a celebración previa da mostra de entroidos tradicionais de pobos de Galicia, tan distintos aos que se celebran nas cidades. Polas rúas e prazas da zona monumental desfilarán os Xerais de Merza, os Boteiros de Vilariño de Conxo e, por suposto, as espectaculares Madamas e galáns de Cobres, Vilaboa. Dentro desas actividades complementarias previas as datas da festa tamén haberá, durante s fins de semana, obradoiros para os nenos relacionados cos disfraces e o entroido.