Reportaxe | Un xénero en alza O IES Torrente Ballester presenta unha completa mostra sobre banda deseñada de todo o mundo desde os seus inicios ata a actualidade
25 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.O cómic tamén pode ser moi útil na aprendizaxe. Iso é o que defende o director do IES Gonzalo Torrente Ballester e coordinador da mostra, José Ramón Couto. A exposición plantéxase como «unha posibilidade de achegamento á lectura sobre todo para aqueles alumnos que teñen máis dificultades, pois os dous códigos lingüísticos que utiliza, o verbal e o visual, poden ser unha axuda para introducilos no mundo da lectura». Pero a mostra vai dirixida tamén a aqueles que xa teñen un gusto pola lectura, porque como subliñou o director, «hai cómic moi interesantes». «Pensamos -engadíu- que non é ningún subxénero senón un xénero e que ten o seu tratamento, o seu código de valores, a súa maneira de expresión e que é conveniente que os alumnos saiban cales son». A Primeira Quincena do Cómic mostra cronoloxicamente máis de 450 exemplares de diferentes épocas e países, recompilada a partir das colaboracións de todos os membros da comunidade educativa, e da Librería Paz, referente en Pontevedra no mundo do cómic. Desde o que está considerado como o primeiro cómic no sentido máis actual do termo, Little Nemo en Slunderland, reeditado hai pouco, pasando por os primeiros que se conservan en España das décadas dos 40 e 50 de autores como Ibáñez, con Mortadelo y Filemón, Zipi y Zape, exemplares de TBO, da revista DDT ata mesas específicas dedicadas ao cómic arxentino, con Maitena e Quino, ou italiano, con Corto Maltés, a produción máis coñecida de Hugo Pratt. Figuran así mesmo tres mesas de autores galegos, con case que toda a produción de Miguelanxo Prado, e tamén de Kiko Da Silva, ademais dunha representación do que se está facendo e se fixo en Galicia, cos números da revista BDBanda, que se edita en Pontevedra. Complétase cunha mostra do profesor do IES Ramón Cabanillas de Cambados, Benito Búa, que, a través de 17 paneis, fai un percorrido desde o nacemento do cómic en Estados Unidos ata Galicia, con viñetas específicas fotocopiadas dos orixinais de todos os países do mundo, especialmente europeos. Outro apartado específico é o dos cómic cun certo sentido social, que se aproveitarán non só como lectura, senón para traballar certos temas transversais nas aulas, como pode ser a violencia, a guerra ou o uso do velo nas nenas musulmáns, entre outros, ou frases dos personaxes das historietas, como pode ser Mafalda.