O espectáculo ofrécese no Pazo da Cultura ás 21 horas Maruxa Salas firma a peza que está musicada polo grupo Berrogüetto
15 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.O Centro Coreográfico Galego presenta hoxe no Pazo da Cultura, ás 21 horas, o seu primeiro espectáculo, Vacuo, recén estreado no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, o pasado 6 de xaneiro. Trátase dunha peza de Maruxa Salas musicada por Berrogüetto, na que interveñen quince bailaríns. Integrada por catro fragmentos coreográficos cunha duración duns 60 minutos, Vacuo é unha metáfora que relaciona os bosques coas almas humanas, establecendo un paralelismo entre as nosas vidas e as árbores, comparando a degradación da natureza co esquecemento de determinados valores. Fronte a ese deterioro, suxire un espazo vacuo, de rexeneración, que aposta pola arte de vivir á marxe de medos e prexuízos, polo entendemento e a concienciación. Metodoloxía creativa Para desenvolver a súa proposta, Maruxa Salas optou por unha metodoloxía de creación aberta e participativa, na que música composta por Berrogüetto, o espazo escénico e a iluminación de Baltasar Patiño, o vestiario de Ruth Díaz e as pezas audiovisuais de Adriana Domínguez xogaron un papel activo no proceso de composición da peza final. Con sede na cidade da Coruña, o Centro Coreográfico Galego é unha unidade de danza dependente da Consellería de Cultura e Deporte ao través do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais. O seu obxectivo é achegar o mundo da danza a todo tipo de público. O espectáculo foi presentado en Pontevedra pola propia coreógrafa, acompañada de trece bailaríns e dous músicos, que fixeron unha performance na Alameda e na Facultade de Belas Artes, a delegada de Cultura, Patricia Souto, e a concelleira María Xesús López Escudeiro, quen subliñou que todas estas novas propostas que están xurdindo mostra que «algo está a cambiar, que hai un novo sentir da nosa música e da nosa danza». As entradas para este espectáculo custan 5 euros.