Conciencia verde dende pequenos

PONTEVEDRA

Voz Natura | Escola Infantil A Cancela, de Barro Con só seis alumnos de entre 3 e 6 anos, a escola A Cancela completou o seu primeiro proxecto ambiental

31 mar 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

Con só seis alumnos e un profesor a Escola Infantil da Cancela, na parroquia da Portela, en Barro, desenvolveu este curso o seu primeiro proxecto enmarcado en Voz Natura, o programa ambiental que organiza a fundación Santiago Rey Fernández-Latorre e patrocinan as Consellería de Medio Ambiente e do Medio Rural, a Diputación de A Coruña, Sogama e Sogarisa. A iniciativa desta escola unitaria concibiuse como un programa de concienciación medio ambiental co obxectivo de inculcar aos escolares -de entre 3 e 6 anos- valores ecolóxicos e de respecto pola natureza. A actividade tivo varias vertentes. Por unha banda, desenvolveuse no centro un plan de clasificación dos residuos e de xeración de compost, para o que se instalou un depósito que xa se converteu nun elemento máis do patio escolar. Son os propios alumnos os que practicamente a diario o nutren de residuos orgánicos. Camiño de Santiago Doutra banda, coa idea de reforestar zonas afectadas polos incendios, os escolares traballaron nunha plantación de diversas especies autóctonas nas inmediacións do centro. Trátase dun espazo comprendido entre a propia escola e o albergue de peregrinos, co que o traballo patrocinado por Voz Natura serviu tamén para recuperar e pór en valor un tramo do Camiño de Santiago portugués, ao seu paso por Barro. Para rematar, desde A Cancela traballouse tamén na elaboración dun catálogo forestal dos montes da Portela, que rodean ao centro escolar. Xunto cos alumnos, os pais tamén se implicaron na realización destes traballos de tinguidura ambiental. Ademais, desde o centro contouse coa colaboración das consellerías de Medio Rural e de Medio Ambiente, da xunta de montes da Portela e do Concello de Barro . Ademais, tamén colaboraron a compañía avícola César Outón e a biblioteca do municipio.