Alimento para o corpo e o espirito

Chelo Lago PONTEVEDRA

PONTEVEDRA

Reportaxe | Campaña «Pan con poesía» Durante unha semana os poemas de María do Carme Kruckenberg pódense ler nas bolsas do pan

30 abr 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

Desde onte e ata o vindeiro 6 de maio, as panaderías da comarca pontevedresa adscritas a federación galega, Fegapan, servirán as barras e bolas nunhas bolsas nas que figura un poema da escritora María do Carme Kruckenberg. Así, os veciños de Pontevedra, Vilaboa, Ponte Caldelas, A Lama, Cotobade, Poio, Barro e Campo Lameiro poderán coñecer a obra da escritora nunha iniciativa da Consellería de Cultura que cada ano organiza unha campaña que une a escrita e un elemento fundamental da nosa tradición. E neste caso, o pan non é só un alimento para o corpo, senón tamén para o espírito. O poema escollido pertence ao seu último libro As complexas mareas da noite. A campaña «Pan con poesía 2007» estase a desenvolver por toda Galicia con distintas poetas, concretamente con dez. Comezou o Día Internacional da Poesía, o 21 de marzo, e rematará o Día das Letras Galegas, o vindeiro 17 de maio. A concelleira de Cultura María Xesús López Escudero dixo onte, na presentación da campaña na comarca, que «a poesía é tan necesaria como o pan» e subliñou que nela «exprésanse uns sentimentos e unhas emocións que moitas veces non temos na prosa». Pola súa banda, María do Carme Kruckenberg que representa, segundo a concelleira, a literatura do compromiso, mostrouse encantada de participar nesta campaña, xunto con poetas, como Luz Pozo Garza, «un pouco maior ca min» e outras moito máis novas, como Marica Campo e Pilar Pallarés, polas que declarou «unha preferencia extraordinaria, é un amor o que teño por elas». A escritora recordou logo a súa traxectoria. «A miña vida é longa -dixo-. Teño 80 anos que levo con certa graza, o mellor que podo, inda que teño dúas vértebras rotas e estou un pouco incómoda co corsé». Non tardou en aclarar que a causa do seu estado foi unha caída durante un baile. Marcada por Castelao Carme Kruckenberg percorreu e viviu en 39 países e falou catro ou cinco idiomas. Empezou a escribir aos 16 anos e coñeceu a xente moi importante no mundo da literatura. «Na miña estadía en Bos Aires, onde me casei no 1949 e vivín ata o 53, coñecín primeiro a Alberti e Lorenzo Varela, e sobre todo a Castelao, que era amigo íntimo do meu tío, e que me deixou moi marcada». «Fun visitalo nada máis chegar -recordou- falei moito con el e deume unha pauta moi importante cando eu escribira o meu primeiro libro, Cantigas do vento, que estaba sen publicar. Díxome que non esquecera nunca a miña terra, que non esquecera nunca a miña lingua, e que non esquecera nunca o que se podía facer por esta Galicia, na que estaba todo por facer». María do Carme Kruckenberg leva escritos 27 libros e síntese nova, «como cando tiña 20, ou por non exaxerar, 40 anos» di entre risos para engadir que non está preparada para ser vella: «eu síntoo moitísimo pero é así». «Teño folgos -engade- para percorrer lugares de Galicia e falar coa xente, e dicir cousas e ver o cambio que se está a producir». O cambio, por suposto, é para mellor. «Hai unha cousa que nós non tiñamos, que é a liberdade aínda que eu a collín pola man e non fixen caso. Fun un caso único entre os que quedan da miña idade (máis risos) que dixo non a todo aquilo, que fixo o que lle deu a gana e que dixo todo o que puido dicir nun tempo en que non se podía dicir nada». O que lle valeu para pasar pola cadea. «Quizás o meu verso máis importante é unha filla que teño, aínda que os demais van gustando, voume levando ben coa poesía». Tamén recorda os esforzos que tiñan que facer para publicar un libro. «Eu tiven tres libros escritos e non puden publicalos ata dez anos despois, que se di moi pronto, agardando a que unha editorial se atrevera a publicar os teus poemas en galego. Por iso nese tempo escribín tamén moito en castelán, nove libros, como case todos os escritores galegos aínda que agora din que non o fixeron».