Entrevista | Miguel Anxo Fernández Lores Prefire falar de «chamada de atención» antes que de voto de castigo. Insiste en que a meirande parte dos votos perdidos polo BNG foron de xente que quedou na casa
02 jun 2007 . Actualizado a las 07:00 h.Segue tocado polo baixón electoral, pero Lores xa mira cara adiante e pensa en formar un novo goberno. Có permiso do PSOE de Teresa Casal, claro. -¿A do pasado domingo foi a maior decepción da súa vida política? -Non, home, levo moitos anos nesto. Houbo unha baixada importante de apoios, que obviamente seguimos estudando e da que tomamos nota. Asumimos, somos conscientes de que houbo xente que, pola razón que fora, non nos votou. -O BNG perdeu case 5.000 votos. ¿Vostede sigue a manter que non houbo voto de castigo ao BNG? -O que sigo mantendo é que hai xente que non votou porque algo do que fixemos non lle gustou, e iso é o que temos que ver. Tamén sigo sostendo que esa xente non votou porque tampouco viron perigar a alcaldía, en ningún momento se percibiu na cidade que podíamos perder a alcaldía. O PP tivo un incremento en Pontevedra, pero tamén no resto das cidades, independentemente do candidato. Polo tanto son votos de xente que ideoloxicamente está cercana ao PP. ¿Que pode haber unha porcentaxe pequena de votos que se transvasen? Sempre hai. Pero creo que maioritariamente a xente que outras veces votou polo BNG e nesta ocasión non, simplemente non votou, quedou na casa. A nosa obriga de aquí en adiante é analizar por que pasou isto e como podemos recuperar ese voto. O análise está aberto. Tomamos nota, somos conscientes de que perdemos votos e é unha chamada de atención importante. -¿A baixada pode afectar á cohesión interna do BNG en Pontevedra? -Non. Eu penso que estas cousas maioritariamente unen. Estou convencido de que isto vai ser un revulsivo para o BNG, que nos vai a facer adicar máis atención, máis esforzo a tratar de transmitir as cousas e a pelexar polo que consideramos que é un avance importante. -O certo é que o Bloque non baixaba na cidade dende 1987 nunhas eleccións municipais... -En eleccións municipais. Moi ben, é certo. Espero que cando subamos nas xerais tamén se teña en conta, e que non se comparen coas municipais. Sinceramente a min esa conclusión que sacou La Voz de que a metade dos votos que perdeu o BNG en Galicia os perdeu en Pontevedra, paréceme falsa e demagóxica. ¡Por favor! Entón en Vigo os perdeu todos, porque alí baixamos 11.000 votos... Nós tivemos seis mil e pico votos nas últimas xerais, que duplicamos agora, ou oito mil e pico nunhas autonómicas que agora foron máis de doce mil. Xa sabemos que as eleccións son distintas, pero eu xa recoñezo que nas municipais perdemos votos. Pero porque a xente non foi a votar, non porque votara por outras forzas. -Perdoe pero vou a insistir: se non foron a votar, ¿non é un castigo ao BNG? -Chámalle como queiras. A min me gusta máis pensar que foi unha chamada de atención de certo electorado. Agora ben ¿esa chamada de atención está xustificada? ¿Ou resulta que se sobredimensionaron certas cousas? A xente di «mire, es que en Pontevedra el tráfico está muy mal». Ben, aproximadamente como está en Sanxenxo no verán ou en Vigo ou en Santiago calquera día... ¿Xustifica iso a baixada de votos? Non o creo. -O certo é que todo o mundo fala do tráfico. -Nós estamos facendo unha política que está perfectamente definida, que é permitir a circulación de residentes, servizos, carga e descarga no centro da cidade, e dificultar o resto, porque senón as rúas que non deberían soportar tráfico de paso o soportan. ¿Vostede pode ir ao garaxe na Peregrina? Si, pero un señor que non ten garaxe na Peregrina non ten porque ir alí en coche. Dificúltase adrede, porque doutra forma metemos na cidade un tráfico innecesario. Está perfectamente definido e estudado. A aposta deste Concello por este modelo é unha aposta distinta. Non hai ningunha cidade como Pontevedra, ningunha. ¿Qué e mellor? ¿Que o pai teña que ir co neno da man permanentemente e que o tráfico circule libremente, ou que o neno vaia máis tranquilo pola rúa? Aí dáse unha contradición, porque si ese votante pensa como pai, igual nos vota, e si pensa como condutor, pode que non. Onte un opinador [Xosé Luís Barreiro] dixo algo así como que se poden perder votos porque se fai unha mala xestión, e se poden perder votos por facer unha boa xestión. -¿Ese modelo de cidade que promoveu o BNG neste oitos anos é irrenunciable? -Todo isto que che dicía provocou que o PSOE subira un pouco, que nos baixaramos bastante e practicamente iguala unha representación das dúas forzas na corporación. En base a iso estamos discutindo ou estamos negociando. En todo caso as cousas teñen as súas matizacións. ¿Se pode discutir ata onde se estende ou non ese modelo? Agora estamos a negociar. Imos a garantir a gobernabilidade deste concello, imos a intentar facer un goberno equilibrado. Repito o que xa dixen nestes días: negociamos con toda a humildade pero tamén coa dignidade que nos dan 12.400 votos que temos, e que nos votaron por algo, que son máis que os nove mil do PSOE e, os dous xuntos, son máis que os que conseguiu o PP. Pode haber matizacións ao modelo, e se as hai, o discutiremos. Pero temos a obriga de chegar a un acordo para manter o avance desta cidade. Estamos a negociar e temos tempo de sobra. O normal, o natural e o razoable é que cheguemos a acordo como ata o de agora. -¿Vostede vese como alcalde? Xa llo preguntei o mesmo domingo pola noite e non respondeu... -Non contestei porque a min no me gusta... Mira, eu fixen unha campaña na que non iba decindo que iba a ganar a todo o mundo, nin que iba a ser a leite... Escoitei a outros candidatos dicir que iban a ganar, que iban a pasar por encima de min. Eu non son así. Defendo o meu modelo, e asumo a responsabilidade. Con humildade e tamén con dignidade. -Voulle a formular a pregunta doutro xeito: ¿Vai a haber pacto co PSOE? -Creo que a transformación desta cidade debe de seguir. É unha labor que non acabou. O normal, o razoable, é que haxa pacto. E de habelo, eu serei o alcalde porque así o temos falado. Entón si, claro que me vexo. Pero que quede claro que aquí non se da por sentado nada. Agardo que haxa un acordo de goberno como houbo ata o de agora, e sendo consciente de que a situación mudou como mudou. E máis claro non se pode ser.