Preséntase hoxe no Museo o libro sobre o simposio celebrado en torno á figura de Xosé Filgueira Valverde
10 ago 2007 . Actualizado a las 02:00 h.PONTEVEDRA | Xosé Filgueira Valverde, 1906-1996. Un século de Galicia, é o título do libro que se presenta hoxe, ás 20 horas, no edificio Fernández López do Museo. Recolle os textos elaborados por destacadas personalidades no simposio adicado ao polígrafo pontevedrés e que se levou a cabo en decembro do ano pasado, dentro dos actos conmemorativos do centenario do que fora director da institución museística pontevedresa e un referente na cultura galega do século pasado.
O libro, profusamente ilustrado, recolle en galego e castelán, os textos elaborados a partir das conferencias impartidas no citado congreso, como Cronobiografía, de Xosé Carlos Pérez, actual director do Museo que tamén prologa a obra; Personalidade do profesor pontevedrés, do académico Francisco Fernández del Riego; Filgueira Valverde: centrado na memoria de tres ilustres pontevedreses do tamén académico José Pita Andrade.
Tamén figuran aportacións do presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro Fernández, que aborda a vinculación do ilustre pontevedrés co Partido Galeguista, ou de Alberto Pena, que analiza o papel de Filgueira no ámbito cultural galego dende 1936 ata 1996, ano da súa morte.
Ademais, Mercedes Brea escribe sobre Filgueira e a lírica galego-portuguesa e Xesús Alonso Montero aporta unhas notas para entender o seu discurso erudito e crítico, mentres Xosé Ramón Fandiño, do Instituto Galego de Información, céntrase na súa contribución no ámbito da creación literaria.
Pero a obra de Xosé Fernando Filgueira abranguiu outras disciplinas, como a arqueoloxía ou a antropoloxía, temas que analizan no libro Antonio de la Peña Santos e Xosé Fuentes Alende, respectivamente, ou a súa relación coa música, a cargo de Carlos Villanueva, e coa arte, con José Manuel B. López Vázquez.
Obra plástica
Finalmente, Germán Torres de Aboal fai unha semblanza do profesor como educador, faceta na que foi director do Instituto Sánchez Cantón de Pontevedra, onde impartiu o seu maxisterio a moitas xeracións de pontevedreses, e José Manuel Castaño García fala de Pontevedra e o mar na obra de Filgueira Valverde.
A publicación inclúe tamén a reprodución da obra plástica e máis do catálogo dos documentos, fotografías, libros e condecoracións que figuraron na exposición sobra a vida e obra do polígrafo realizada con motivo do congreso para conmemorar o centenario do seu nacemento.
Home de desbordante vitalidade, tanto a traxectoria vital de Xosé Fernando Filgueira Valverde (1906-1996) como a intelectual e profesional abarcaron a práctica totalidade do século XX.
E a súa inxente laboura nas distintas facetas, con máis de dúas mil publicacións, queda reflexada neste libro que recolle a visión que del teñen os expertos que participaron no simposio, que fora inaugurado polo presidente da Xunta, Pérez Touriño.
O profesor foi un escritor precoz e un home con grande capacidade de traballo. No campo narrativo, a súa primeira obra foi un libro de contos no ano 1925, Os nenos, e dous anos despois publicou unha pequena novela, O bigairo, sobre o barrio da Moureira, o Gremio de Mareantes e Confraría do Corpo Santo. Tamén escribiu unha obra teatral, Agromar, e poesías, Seis cancións de mar «in modo antiguo».