Participar nun concurso internacional é un dos obxectivos da Banda de Música de Pontevedra
19 oct 2007 . Actualizado a las 02:00 h.A Banda de Música de Pontevedra presentou onte o ciclo de concertos para o outono coa vista posta en Italia. Porque os seus responsables queren participar o vindeiro ano, concretamente no mes de marzo, nun prestixioso festival internacional para agrupacións profesionais que se celebra naquel país.
Adrián Silva, presidente da Sociedade Musical de Pontevedra, subliñou que a BMP non pode acudir a outros importantes certames como o celebrado recentemente na cidade, que son para bandas populares, e só podería facelo na cita italiana, única para ese tipo de agrupacións. «Estamos moi interesados en participar -dixo-, sería un recoñecemento para a banda e para esta cidade e esta provincia chea de músicos».
O ciclo de outono está conformado por cinco concertos, de aquí a decembro, todos gratuítos agás un, o de Nadal, que será o 26 de decembro, a beneficio da ONG Aldeas Infantiles SOS Galicia. Nesta cita farase a estrea mundial dunha obra multidisciplinar que mestura a música e a poesía, titulada co nome da primeira aldea infantil, situada en Imst (Austria), do compositor galego Juan Lois.
Todos os concertos aportan algunha novidade para atraer aos espectadores. O primeiro, que será no Pazo da Cultural o vindeiro xoves, día 25, será un concerto sinfónico moi peculiar, pois interpretaranse obras de compositores estranxeiros que se inspiraron en elementos do noso folclore popular.
Logo, o 15 de novembro, tamén no Pazo da Cultura, haberá un novo concerto moi «ambicioso e único en Galicia», en palabras de Adrián Silva, pola conxunción con violín solista e piano solista, acompañados por unha banda de música. Os solistas son músicos galegos de gran nivel artístico como Alejo Amoedo y Sergio Heredia.
Novo vestiario
Tamén en novembro, o día 29, haberá unha nova actuación, neste caso no Liceo Casino, dentro da colaboración que a banda mantén coa asociación Centro Comercial Urbano Zona Monumental, que dotará aos músicos dun novo vestiario acorde coa xuventude dos seus integrantes. Neste concerto presentarase o devandito vestiario.
En decembro, o día 12, e no Teatro Principal, a banda aposta pola xente moza e polos solistas, neste caso por Cristina Nogueira (violoncello), que hai ven pouco rematou a súa carreira no Conservatorio Superior con matrícula de honra e que acaba de aprobar as oposicións para o conservatorio -«unha artista en potencia», engadíu Adrián Silva-. Trátase dun concerto cun repertorio baseado no rock.
A Banda de Música de Pontevedra conta na actualidade con 35 integrantes e mantén a súa aposta polos músicos do noso país. Neste senso, Adrián Silva subliñou que se ofreceron á primeira xeración de compositores con titulación que acaba de saír do Conservatorio de Vigo.
«Eu sempre penso -engadíu- que a Banda de Pontevedra é musicalmente unha agrupación profesional, pero somos xente estudante, que estamos rematando as nosas carreiras polo que non temos dedicación exclusiva para a banda, por iso digo semiprofesional».
En canto ao resultado artístico, considera que na actualidade «estamos ao nivel de calquera banda profesional en Galicia, como pode ser a de Santiago ou a de Coruña, o que nos enche de orgullo».