Contos nas escolas

Chelo Lago

PONTEVEDRA

Máis de douscentos rapaces de catro centros do rural participan nunha iniciativa de animación á lectura

04 nov 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

O vindeiro martes comeza o programa municipal de actividades de animación á lectura Contaescolas 2007-2008, dirixido a nenos das escolas de educación infantil do municipio. Coordinado por Migallas Teatro, participan uns 230 rapaces dos centros de Lusquiños, Tomeza, Meán-Cerponzóns, Os Campos Mourente, agora xa en Monte Porreiro, e Verducido.

Trátase dunha actividade que ten moi boa acollida, segundo subliñou a concelleira de Cultura, Lola Dopico. Este ano é o terceiro consecutivo que se celebra, se ben se levou a cabo outros dous anos antes.

As actividades desenvolveranse ao longo de todo o curso, a razón de tres sesión en cada centro, e os rapaces participantes terán un encontro o 23 de abril, co gallo do Día do Libro Infantil. Neste encontro terán unha participación directa os cativos, que ademais de ver un espectáculo, van ser actores, recitarán poemas e cantarán algunhas cantigas. Coa festa preténdense tamén crear un vínculo entre todas as escolas, aspecto que se reforzará este ano, dada a boa acollida dos precedentes.

Carlos Yus e María Campos, de Migallas Teatro, explicaron na presentación deste programa, que se trata de fomentar a lectura entre os centros máis lonxanos do casco urbano, e que o que se persegue é que eses cativos, con idades entre 3 e 5 anos, que non teñan as mesmas posibilidades de achegarse a moitas das actividades que organiza o Concello, podan facelo agora nas súas propias escolas.

Recollendo a proposta do profesorado, as tres sesións de cada centro faranse neste ano ao longo de todo o curso, en lugar de empezar en marzo como en outras ocasións.

Contos tradicionais

«Este ano, polo san Martiño, vai a ver máis que trompos no camiño -apuntou Campos-, vai haber contos, cantos e xogos, porque iso é o que imos facer, contar, cantar e xogar».

Tamén subliñou que «non temos que inventar moito, porque imos recoller todos eses contos da nosa tradición, ditos, lerias e enredos». E como este ano as sesións están máis espazadas, os nenos terán máis tempo para traballar na escola sobre eses contos e xogos.

Ademais, van potenciar o vínculo de unión dos nenos das diferentes escolas participantes, a través da figura de María Campos que exercerá de carteira, levando todo tipo de debuxos e mensaxes duns cativos a outros.

A actividade, que se plantexará de distinta maneira segundo os grupos de rapaces, comeza o vindeiro martes en Lusquiños Tomeza, que conta con 12 alumnos. As outras sesións serán o 12 de febreiro e o 1 de abril.

En Meán, Cerponzóns, con 13 alumnos, serán o 13 de novembro e máis o 19 de febreiro e o 8 de abril do vindeiro ano, mesmas datas que na escola infantil de Verducido, que conta con 34 nenos.

E en Monte Porreiro, de 170 alumnos, as actividades do programa Contaescolas levaranse a cabo o vindeiro martes, día 6, e os días 12 de febreiro e 1 de abril do ano 2008. Neste centro e dado o número elevado de alumnos, faranse tres grupos diferentes.