Asegura que viu espertar esta cidade cando o BNG asumiu o goberno e aposta porque Concello e Universisade se nutran de moitos proxectos e programas conxuntos
02 dic 2007 . Actualizado a las 02:00 h.Aínda que naceu en Ferrol, Lola Dopico séntese tamén pontevedresa despois de trece anos vivindo e traballando nesta cidade. É directora da Escola de Deseño Téxtil e Moda e vicedecana de relacións externas da Facultade de Belas Artes, á espera de relevo neste posto. Desde as últimas eleccións municipais compatibiliza o traballo docente coa responsabilidade política como concelleira de Cultura e de Universidade do Concello de Pontevedra, integrada no equipo de goberno do BNG. -¿Que lle animou a entrar en política? ¿Estaba xa vinculada ao BNG? -Vin como esta cidade empezou a espertar a partir da entrada do Bloque no goberno. Xa coñecía aos membros do equipo municipal por cuestións de traballo, pero non tiña vencello especial con ningunha forza política. Si que había unha clara e manifesta afinidade coa xestión que se estaba facendo. -Din que trouxo un aire de modernidade ao grupo nacionalista no goberno. -(Risas). Esta é unha cidade que conserva elementos tradicionais moi importantes e que tivo a capacidade de abrirse a unha gran renovación. Eu non sei por que me poñen esa imaxe de moderna. A min o que me encantaría introducir son folgos novos. Tómome as cousas con ganas, ilusiónanme e creo nelas. A xente deste equipo xa ten unha cabeza do máis moderna e arriscada na capacidade de idear proxectos e facelos. A modernidade vese aí, nas ideas e nos proxectos. Neste Concello a xente que leva traballando anos antes ca min ten moitísima capacidade de modernización na cabeza e nos proxectos que leva a cabo. -O alcalde dixo que vostede ten moito que achegar pola súa relación coa Universidade, coprotagonista de moitos proxectos co Concello, como o edificio das Artes no Lérez. ¿Leva o seguimento desa actuación? -Si. Desde que teño responsabilidade municipal mantiven reunións co vicerreitor en relación con esta obra, que tanto para o Concello como para a Universidade é prioritaria. Confiamos en que o proxecto construtivo estea no próximo ano e poida executarse o antes posible, pero depende da dispoñibilidade dos terreos. -Vostede coñece ben por dentro o edificio de San Fernando. ¿Cre que é ideal para acoller o Concello cando o deixe Belas Artes? ¿Haberá que facer moita obra para adaptalo? -O edificio é emblemático, situado nun lugar dificilmente mellorable. Como inmoble patrimonial ten certas partes non susceptibles de modificar e puido acoller unha facultade como Belas Artes, cunhas necesidades de espazo moi por enriba de calquera outra facultade, creo, sen ningunha dúbida, que tamén pode acoller o Concello. Loxicamente, os actuais despachos, aulas e talleres teranse que transformar, pero penso que non será unha transformación excesivamente complexa. -Hai outros proxectos que comparten Concello e Universidade, como a propia reordenación do campus, pisos para estudantes, galescola... -É que esta é unha cidade que ten a posibilidade de identificarse moito máis co seu campus, de compartir actividades e programas, de que a Universidade e o Concello se nutran de moitos proxectos conxuntos. Ese é un obxectivo que temos. -A Universidade mostrouse disposta a implicarse na transformación urbana con propostas estéticas. ¿Que foi dun posible convenio ao respecto? -Estamos nun momento de avance do PXOM e hai que ir introducindo un diálogo constante e permanente. Penso que iso ten que ser así sempre e de forma normalizada, sen necesidade de que pase por convenio. - ¿Desde o punto de vista estético ten algo que reprocharlle á reforma urbana? -Eu declárome absolutamente defensora do sistema de iluminación do casco vello. Son hooligan das farolas que se puxeron, parécenme acertadísimas tanto por deseño como pola boísima calidade de iluminación que dan. A cuestión do criterio estético eu téñoa moi traballada e cando falamos de gusto, ademais de subxectivo, tamén depende do nivel de información que teñas. Ás veces hai intervencións, aquí e na Cochinchina, que non coinciden co criterio dun e teñen un éxito impresionante e a todo o mundo lle encanta. -Con Lola Dopico hai que falar de moda. ¿Que lle parece que Industria deixara deserta a creación unha pasarela ou evento internacional? -O territorio da moda é moi complexo e, en Galicia, é un tecido fundamental de produción. Penso que é moi difícil levar a cabo un proxecto que non conte de principio con todo o apoio do sector industrial e produtivo. A consellería, ben intencionalmente, quería poñer en marcha un evento a nivel internacional e eu creo que se atopou con que os proxectos que se lle presentaron seguramente eran moi interesantes, pero ningún foi quen de recabar o apoio do sector produtivo, unha eiva importante. -¿Pontevedra ten méritos para ser sede dunha pasarela internacional de moda galega? -O que hai que saber e que proxectos e medidas se queren aplicar. Non é o mesmo dicir evento que dicir desfile, non é o mesmo falar de mercados internacionais que de mercados locais. Creo moi difícil chegar aos mercados internacionais só a través dunha pasarela en Pontevedra, en Santiago ou onde sexa. Habería que xerar un evento que teña que ver co ámbito da produción, da xestión, incluso dos modelos empresariais, a nivel de congreso ou encontro internacional, non só a nivel de pasarela. Abrirse a un mercado internacional só a nivel de pasarela é complicado. -¿Que papel pensa que está xogando Puntus Veteris? -Pontus Veteris está facendo un traballo que ninguén lle pode cuestionar. Hai unha serie de empresas interesadas en presentar aí o seu traballo porque lles repercute de forma beneficiosa. Perfecto. O mercado ao que se dirixen nese momento é moi determinado e probablemente lles interese moito. Pero volvendo ao de antes, o problema é mesturalo todo na mesma frase. Unha cousa non impide a outra. É necesario un evento internacional e tamén pasarelas. -A Escola de Moda que dirixe está que se sae, as súas alumnas non fan máis que recibir premios. -Os resultados que estamos tendo son moi bos e dígoo coa maior da humildade, pero tamén con orgullo. Agora ben, só levamos tres anos, esta é a primeira promoción e falar de resultados fantásticos paréceme unha desmesura, e non vou ser eu desmesurada. Pero si que estamos contentos, porque os nosos estudantes alá onde van nótase. -Podería ser o embrión doutras titulacións como arte dramático, danza... -Agora non. Este campus é moi interesante, cunhas titulacións moi definidas e moitas deles exclusivas. Ademais de Moda e Belas Artes, está Audiovisual, que poden dar moito xogo cando se abra o novo mapa de postgraos e de titulacións de grao. Pódese debuxar un mapa de postgraos moi interesante.