Unha samba para Ravachol

Chelo Lago

PONTEVEDRA

Arranca o entroido coa chegada do rei Urco, o pregón e a recuperación dunha peza para o loro do boticario

01 feb 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O loro Ravachol, alma do entroido pontevedrés, conta cunha samba composta polo músico pontevedrés Arturo Gulías, que será estreada hoxe na súa versión para banda, pola Banda de Música de Pontevedra no arranque do entroido.

Pero o programa do entroido na rúa comeza hoxe cun obradoiro de xogos e disfraces na praza da Verdura, desde ás 17.30 horas, e unha degustación de filloas a partir das 20 horas no mesmo lugar.

Tamén a esa hora, a concelleira de Dinamización Sociocultural, Anxos Riveiro, recibe no Concello ao pregoeiro, Cándido Pazó, e ao rei Urco, símbolo do carnaval pontevedrés. Logo, a comitiva, na que participan tamén as comparsas Amoriños de Bora e Val do Lérez, partirán cara a praza da Verdura, onde Pazó lerá o seu pregón. Como xa anunciou, non se trata dun pregón ao uso, senón algo máis parecido a unha pequena actuación, a un monólogo.

Nesta xornada inaugural do entroido estará tamén a Banda de Música de Pontevedra, que pretende institucionalizar a obra musical Ravachol, escrita no ano 1996 polo compositor Arturo Gulías. Trátase dunha peza adicada ao loro Ravachol, protagonista indiscutible do entroido pontevedrés. A peza, moi indicada para estas festas, ten ritmo de samba, e será interpretada pola banda durante o transcurso da lectura do pregón.

A obra de Arturo Gulías consta de música e letra e desde a Banda de Música de Pontevedra preténdese que nos vindeiros entroidos, sexa cantada e recoñecida por todos. A versión para banda será estrenada de forma inédita hoxe.

A letra da partitura Ravachol recolle:

«Na nosa vila ficou / un loriño de Brasil / o seu nome Ravachol / paroleiro moi sutil.

De lingua viva e mordaz / trangalleiro e picarón / este loro brasileiro / a Pontevedra namorou.

Estribillo: Ravachol, Ravachol / tí é lo rei / do noso carnaval / cantemos xuntos a viva voz / rava, rava, Ravachol.

Alegría e bon humor / ten o noso carnaval / De ritmo, luz e color / e beleza sen igual.

E se o queres disfrutar / fora as penas e a dor / ven connosco a Pontevedra / o enterro do Ravachol».

Monte Porreiro

Por outra banda, onte presentouse o porco máis reivindicativo do concello. Trátase do porquiño do entroido de Monte Porreiro, que este ano volve combativo. Vestido de damisela e rodeado de cans, reivindica un pipi can para a urbanización, que carece desta instalación.

A directiva da Asociación de Veciños O Mirador de Monte Porreiro, que tanto tempo leva reivindicando melloras para a urbanización, entre elas un mellor servizo de limpeza, botou man do emblema do seu entroido para facelo.

A asociación celebra o domingo, un baile infantil de disfraces, a partir das 17 horas na Casa da Cultura, con sorteo de agasallos entre os nenos disfrazados. O seguinte sábado, día 9, haberá outro baile, xa para adultos, a partir das 23 horas, tamén na casa da cultura, con sorteo de produtos do entroido entre os disfrazados. Ademais, haberá degustación gratuita de filloas e orellas.

E o domingo 10, celebrarase o enterro do porco. Ás 17 horas, a comitiva fúnebre partirá do pavillón para percorrer todo o barrio antes da súa incineración na praza de Europa.