A piscina do complexo deportivo Rías do Sur acollerá unha nova edición do campus que organiza o Club Natación Galaico Sercoysa e que desta volta leva o nome de «Nadar todos 2008». Con esta serán xa doce as edicións nas que os máis xoves de Pontevedra e arredores teñan un bo motivo para achegarse ó deporte da auga doce por excelencia.
Haberá tres niveis de dificultade e polo tanto tres posibilidades para inscribirse. A primeira delas é a do nivel de iniciación, a segunda, a denominada como «escola», e a última, a de perfeccionamento.
No primeiro destes grupos o que se busca é que os participantes aprendan a nadar nun tempo máximo dun mes en piscina de 25 metros. Na segunda categoría haberá dez nenos por monitor e o tempo adicarase á teoría, horas de ximnasia e práctica na auga. Finalmente o último dos grupos ofertados, o de máis nivel, centrará o seus esforzos en perfeccionar o estilo dos máis novos e en aventurarse noutras disciplinas deste deporte.
Á marxe das clases dentro do vaso, dirixidas polo técnico do clube pontevedrés, Miguel López, haberá outro tipo de actividades paralelas como charlas sobre nutrición, ximnasia, concentración, vídeos didácticos e outros métodos de ensino.
Obxectivos
O obxectivo dos organizadores é que durante os tres meses de verán (xullo, agosto e setembro) concurran dentro do vaso olímpico un número cercano ós 250 nadadores.
Serán arredor de 80 nenos e nenas de diferentes idades por mes, e todos eles percibirán obsequios (libros sobre natación e camisetas conmemorativas deste campus «Nadar todos 2008») ademais dun diploma acreditativo.
O prezo por neno é de 52,20 euros por todas as actividades ainda que para os rapaces que sexan socios do clube ou que estean abonados ás instalacións de Ponte Muíños, haberá unha reducción do prezo, tendo que pagar únicamente 43 euros cada un.
Unha canteira de campións
Este clásico do verán sigue enfocado á formación dos futuros deportistas ó mesmo tempo que o Galaico aposta por crear un viveiro de futuros campións.
Das pasadas edicións saíron nadadores e nadadoras hoxe xa consagrados coma nos casos de Nerea Rodiño, Laura Valiñas, Miriam Crespo ou Xenia Vilariño. Todas estas deportistas contan con distincións a nivel rexional e nacional nas diferentes categorías nas que están encuadradas.
A intención é que este campus continúe con esta laboura de fomento do deporte.