Os lectores de La Voz de Galicia poden xa emitir os seus votos para os premios de Ence Comprometidos 2010 entre os tres candidatos propostos, a Asociación de Veciños Santa María de Ponte Sampaio; o colectivo ecoloxista Vaipolorío, e María Serafín, da Asociación de Veciños Estriceres de Pontevedra. Os aspirantes déronse a coñecer o pasado 18 de marzo na celebración do Día Forestal Mundial no Recinto Feiral de Pontevedra. A Asociación de Veciños Santa María de Ponte Sampaio foi nomeada ao premio polo seu traballo en favor da recuperación de espacios naturais para a cidadanía como A Insuíña, recén restaurada. Maruja Serafín, pola súa loita e perseverancia ao longo dos anos para mellorar a vida dos veciños do barrio de Fonte Santa e o seu compromiso co coidado do noso entorno. E a Asociación Vaipolorío, pola súa implicación no fomento da concienciación ambiental de toda a cidadanía e a súa constancia na defensa, proteción e posta en valor do río Gafos e a súa contorna. Os lectores poderán votar a través da web do periódico, www.lavozdegalicia.es, pinchando no banner, desde hoxe e ata o 14 de abril. Trátase da primeira edición deste galardón que pretenden recoñecer a labor de persoas e entidades que se esforzan a cotío en preservar a calidade de vida desde calquera ámbito.