Sarabela Teatro presenta «A Esmorga», de Blanco Amor

Chelo Lago PONTEVEDRA/LA VOZ.

PONTEVEDRA

21 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A compañía galega Sarabela Teatro presenta a súa versión de A Esmorga, baseada en la obra de Eduardo Blanco Amor, no cincuenta aniversario da súa publicación e trinta anos despois da morte do seu autor. Será no Centro Social Caixanova hoxe e mañá, ás 21 horas.

Trátase do montaxe máis laureado nos premios María Casares deste ano pois acadou cinco galardóns, entre eles o de mellor espectáculo teatral, mellor iluminación e mellor actor secundario, e tamén foi nomeado ao premio Max ao mellor espectáculo revelación e a súa directora, Ánxeles Cuña, acaba de recibir o premio Max como mellora autora en lingua galega. Unha das actrices da compañía, Fina Calleja, que fai o papel de Socorrito, a toliña, subliñou que a obra «nos está a dar moitísimas alegrías».

E entre elas, ademais dos galardóns citados, está a boa acollida da crítica e tamén do público, e en especial do público adolescente.

A Esmorga é unha traxedia ácida sobre tres homes marxinais e conflitivos, Cibrán, O Bocas e O Milhomes, que fuxindo da xustiza atopan desafogo no sexo, no alcohol e na violencia. «É una historia tráxica pero ao mesmo tempo chea de tenrura e de humor, que fala moito de nos, da nosa identidade como pobo», indicou a actriz.

Novo montaxe

Sarabela Teatro xa montara a obra hai trece anos, pero agora incorpora novidades. «A primeira e máis obvia, a calidade na posta en escena. É un espectáculo de gran formato, pouco habitual nas producións de teatro galego a non ser teatro institucional». Tamén se incorpora como novidade música en directo, a cargo de Vadzim Yukhnevich e Yuri Sidar, «que trata de envolver a historia destes tres personaxes que se ven arrastrados polas súas propias paixóns nunha noite de desenfreo que vai acabar en algo tremendo é tráxico».

Fina Calleja indicou que «na primeira versión, o que conta Cibrán ao xuíz dáse como certo, e agora ponse en dúbida e dáselle unha lectura moita máis social, con tres seres individuais que son resposta dunha sociedade que os aboca a non dominar as súas paixóns, a provocar eles mesmos todos os acontecementos que suceden na obra. Tamén aparece un coro que é representación de toda esa sociedade».

Fernando Dacosta, Suso Díaz, Josito Porto, Nate Borrajo, Rosa Álvarez, Elena Seijo, Sabela Gago, Fina Calleja e Tito Asorey compoñen o elenco de actores.

O prezo das entradas é de 8 euros butaca, e 5 anfiteatro.