«Debut e Pontus non compiten e teñen que sumar, non restar»

Elena Larriba García
Elena larriba PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

A directora de Esdemga remarca a vontade de converter os Estudos de Moda en grao oficial

11 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A Facultade de Belas Artes é o hábitat profesional de Lola Dopico (Ferrol, 1970). A ela está adscrita Esdemga (Estudos Superiores de Deseño Téxtil e Moda), que dirixe desde a súa creación no 2004. Este título propio da Universidade de Vigo aspira a ser en grao oficial no 2013. Os bos resultados acaídos nos seus oitos anos de vida avalan esta reconversión. É unha grande canteira no campo do deseño de moda, os seus titulados colleitan importantes premios nas pasarelas de creadores emerxentes e están a ser moi valorados polas empresas á hora de facer contratacións.

-Acaba de licenciarse a quinta promoción, ¿Que balance fai do camiño percorrido?

-Oito anos de percorrido son poucos para un centro e o balance é realmente positivo. Moitas empresas acoden todos os anos a nosa pasarela Debut e nas xornadas profesionais que temos despois do desfile sempre se fragua algunha contratación. E sempre vén algunha firma nova que se queda sorprendida polo bo nivel.

-Esta escola creouse en resposta á demanda do sector.

-Esta titulación debeuse crear antes. En Galicia, o téxtil é un sector produtivo moi importante e non había unha formación específica. En Cataluña foron máis adiantados. Aquí se chegou máis tarde, pero afortunadamente o sector o plantexou e a Universidade respondeu creando o que podía, un título propio para unha necesidade formativa de nivel alto que existía no mundo empresarial, como demostra que as empresas veñan a contratar.

-O obxectivo agora é conseguir ser título oficial de grao.

-O que buscamos é que a formación que reciben os estudantes estea o máis avalada posible. O título xa ten o aval profesional do sector e se ademais é un título oficial como calquera outro, fantástico. Aparte diso, o importante é o prezo público. Agora mesmo, esta titulación está financiada polo Concello, a Deputación, a Cámara e socios iniciais como Caixanova. A matrícula que pagan os alumnos está nos 3.000 euros. Esa é a cuestión diferencial. Debería ser unha titulación oficial porque estase vendo que é necesaria, porque o sector a demanda, porque estase a contratar xente formada por nós igual que polas universidades privadas ou polas estranxeiras.

-¿O grao vai supoñer un cambio no plan de estudos?

-O primeiro é pasar de tres a catro anos e posiblemente o fagamos de forma inmediata. Non o fixemos ata agora porque supón un incremento de custe para os alumnos, mentres non sexa de prezo oficial. Pero é algo que hai que facer, sobre todo porque a eles lles vai mellor ter un título de catro anos que é o standard. Ademais, creo que é o único título propio que queda destas características na Universidade de Vigo que ten vontade de grao.

-A relación co sector tradúcese tamén en convenios de prácticas con moitas empresas.

-Os alumnos realizan prácticas nas principais empresas de Galicia, noutras estatais e de nivel internacional. Temos convenios con Adolfo Domínguez, Agatha Ruiz de la Prada, Purificación García, Burberry, Popi Poti, Kina Fernández, Caramelo...

-¿Cal é o nivel de emprego da xente que remata?

-Depende dos anos. Os resultados máis óptimos foron do 70 % e os menos por enriba do 50 %.

-¿Moitos saen decididos a crear a súa propia marca?

-Iso é moi difícil. Cando acabas unha formación creo que está moi ben estar mínimo un par de anos traballando nunha empresa, ver como son as cousas por dentro. Hai que facer un aprendizaxe no mundo real e coñecer a industria. Outra cousa é empezar con proxectos a menor escala, de pequenos artesáns, e as tendas on line son unha boa saída.

-¿Cabe unha colaboración entre Pontus Veteris e Debut?

-Todas as posibles, pero son dous produtos non asimilables. Ningún deles é mellor que o outro, pero son diferentes. Se poden buscar sinerxías, puntos de encontro e iso require sentarse, ver en que se pode sumar e non restar. Nós, coa Cámara temos moi boa relación e eu sempre estou dispoñible para falar de facer aquí algo máis potente. Hai que partir de que nin competimos, nin estamos enfrontados. E se nos xuntaramos sería para sumar, non para facer algo tan descafeinado que nin sexa o que ten que ser Pontus Veteris, nin sexa o que ten que ser Debut. En Cibeles está Madrid Fashion Week e El Ego, que son cousas distintas. Ao mellor se pode chegar a algo así. Pero temos que ver como facer convivir cuestións moi diferentes.

lola dopico aneiros directora da escola de deseño téxtil e Moda (ESDEMGA)