Veloso: «A mellor maneira de animar á xente é indo nós mesmos ao Día da Bicicleta»

nino soto PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Veloso, en Pontevedra, durante a última edición de La Vuelta.
Veloso, en Pontevedra, durante a última edición de La Vuelta. m. irago< / span>

O ciclista profesional Gustavo César Veloso estará pedaleando no Día da Bicicleta de Pontevedra, cita organizada por La Voz de Galicia e que se celebra o domingo día 16 de decembro. É unha iniciativa aberta a todos os públicos e idades e na que xa se pode inscribir un nas oficinas da delegación de La Voz (Rosalía de Castro, 30), no Concello de Pontevedra ou o mesmo día na praza da Ferrería hasta 15 minutos antes da saída, programada para as 11.30. A concentración comeza a partir das 10.30 horas.

-¿Que lle parecen as iniciativas como a deste domingo na cidade de Pontevedra?

-Todo o que sexa apoiar o deporte, neste caso a bicicleta, é moi bo. Inculcar o deporte na sociedade é algo que ten moitos beneficios e carece de contraindicacións. É primordial. Inculcar o uso da bici para desprazarse en distancias curtas é un traballo que se fai pouco a pouco e é moi necesario. A xente protesta que non hai infraestruturas, pero ao mellor tampouco hai suficientes usuarios. Creo que as dúas cousas teñen que medrar ao mesmo tempo.

-¿Pensa vostede que iniciativas como a do Día da Bicicleta de Pontevedra son divertidas?

-Si, evidentemente. As persoas que fan deporte se divirten. O pasas ben. Se a xente non se divertira facendo deporte non o faría.

-¿Participou vostede neste tipo de eventos antes de ser un profesional da bicicleta?

-Si. Eu antes de ser profesional xa participaba neste tipo de iniciativas. Cando estaba no Club Ciclista Cambados participaba no Día da Bicicleta de Cambados, tamén coa asociación Arousa en Bici. Estas iniciativas son moi boas, non só en bicicleta senón noutros deportes. Cando me chaman intento acudir. O labor noso, o dos deportistas que somos o referente, é apoialas, independentemente que sexa ou non o noso deporte.

-¿Engancha á xente estas citas deportivas e de ocio?

-É verdade que nos días previos ao Día da Bicicleta os participantes empezan andar na bici. O día concreto non engancha, pero o evento en xeral si. A xente pedalea antes do día, e despois tamén.

-Vén de pedalear no Día da Bicicleta de Cambados e estará na de Pontevedra.

-Estarei tamén en Pontevedra, claro. Me comprometín a ir. Quero animar á xente a que se una á iniciativa. E a mellor maneira de animalos é indo nós mesmos. Moitas veces parece que os ciclistas profesionais só están nas carreiras que retransmiten na televisión, pero nós somos accesibles e apoiamos iniciativas como esta de La Voz de Galicia. Non só utilizamos a bicicleta para competir.

gustavo césar veloso ciclista profesional que estará na cita