«Nesta situación sempre estás co medo no corpo, isto é un sinvivir, a verdade»

Marcos Gago Otero
marcos gago VILABOA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Ramón Leiro

O 21 de maio será un día amargo para Enrique López Patricio, ao executarse a orde de demolición da súa vivenda en Riomaior

22 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O caso da vivenda de Enrique López Patricio en Riomaior, en Vilaboa, é un dos casos que deu visibilidade ao problema que existe cos núcleos do litoral neste concello. Agora o seu expediente entra na súa fase final, co derrubo previsto pola APLU para o 21 de maio.

-¿Como se chegou a esta problemática urbanística en Vilaboa?

-Porque cando se aprobou a Lei de Costas en Vilaboa xa tiñamos núcleos, pero o Concello non fixo a comunicación que debía en Madrid e quedaron todos sen recoñecemento.

-¿Por que edificou a súa casa se podía pasarlle isto?

-Non o esperabamos. Eu edifiquei como fixeron moitos máis no seu día, con licenza municipal. Seguimos naquel momento as normas urbanísticas que había no Concello. Tiña un terreo dos meus avós e me dixeron no Concello que tiñamos todos os requisitos: unha parcela de 300 metros, acceso rodado, luz, auga, podedes. E en base a iso eu, e moitos outros máis, edificamos. Hai que recordar que a finais dos 80 e nos 90 no noso concello quedouse sen chan para edificar. En Vilaboa non queda onde construír se descontas os cen metros de Costas e as afeccións da estrada nacional, da autoestrada. Xa non queda nada por onde facer, porque ademais o resto é monte e é chan forestal. Se no seu día se tiveran conservado eses núcleos sería distinto. Agora a cousa está moi complicada.

-¿Como se vive 18 anos coa incertidume do futuro?

-¿Que queres que che diga? Non sei como expresarme. Hai momentos en que xa non sabes. Todos os días estás buscando no buzón por se chega algunha cousa. Sempre estás co medo no corpo, isto é un sinvivir a verdade. Nunca sabes cando te van chegar multas ou ordes de derrubo. Na última reforma da Lei de Costas modificaron o artigo 95, que di que a obriga de repoñer as cousas ao estado anterior prescribe aos 15 anos desde que a Administración acorda a imposición. No meu caso desde o 2000 a agora hai 18 anos. O que pasa é que a Administración interpreta o que lle parece. Este caso debería ter prescrito.

-¿Cre que ser o ex marido da ex conselleira de Pesca e a súa traxectoria política lle prexudicou?

-A verdade quixera crer que todas as decisións foron imparciais, pero me dá a impresión de que non. Creo que que a miña ex muller estivera na política algo influíu. Os expedientes teñen o seu recorrido, e agora me toca a min. Desde o 2011 aparecen máis casos e pode ser que a APLU reabra máis en calquera momento. Ninguén pode estar tranquilo mentres non teñamos unha ferramenta legal que nos dea seguridade.

-¿É esa ferramenta o PXOM?

-É a base. Nas reunións coa secretaria xeral de Urbanismo díxose que ao aprobarse o PXOM poderían irse recollendo moitos casos, pero senón non se pode facer.

-Costas non aceptou unha excepción para Vilaboa...

-É un cúmulo de non sei se dicir, de despropósitos. A plataforma falou cos políticos de todos os signos. E prantexouselles un montón de saídas. Unha é que se permite recoñecer as edificacións feitas ata certo tempo e que se respectasen os núcleos. Fálase sempre de baixar a liña de cen a vinte metros, pero non ten por que ser así. Os núcleos de Vilaboa non son urbanizacións, isto non é un tiraliñas. Senón que se edificou seguindo os accesos e os terreos. A vinte metros quizais haxa algunhas causas en San Adrián, pero a maioría en Vilaboa están máis lonxe, aos 70, 80 ou 90.

-¿Houbo algunha proposta máis na reforma da Lei de Costas?

-Si, plantexamos que houbese unha excepción na Lei de Costas, pero contestóusenos que non ía facerse ningunha excepción e logo cando ves que se fixeron excepcións con nomes doutros concellos quédate a cara de parvo.